Castañas, música tradicional e rock no Magosto de Bugallido
A Asociación de Veciños de san Pedro de Bugallido organiza este sábado 20 de novembro un Magosto no Campo da festa de Bugallido.
A festa popular dará comezo ás 18:00 horas cun serán a cargo dos grupos Airiños do Paseo de Colón, Os Enxebres de san Lázaro e da charanga e das pandeireteiras da Pontevella. O fin de festa virá da man de Biribirloke. Ao longo da tarde os asistentes poderán degustar o cobizado froito do outono, os membros da asociación van asar 40 quilos de castañas. Dende a asociación queren convidar a todo o mundo a achegarse a Bugallido “para gozar dunha festa que agardamos sexa a primeira de moitas”.
O arrecendo das castañas asadas vai inundar este sábado 20 de novembro o Campo da festa de Bugallido. A Asociación de Veciños de Bugallido proponnos unha festa para espantar o frío, para degustar castañas, para xuntarse, para divertirse e para gozar da boa música.
A festa dará comezo ás 18:00 horas co acendido do lume para asar 40 quilos de castañas. Á mesma hora comezará a sonar a música tradicional cun serán dunhas dúas horas de duración para gozar, bailar e contar coa nosa música. A tarde estará amenizada polo grupo tradicional de san Pedro de Bugallido Airiños do Paseo do Colón, a continuación será a quenda dos Enxebres de san Lázaro e para rematar o sesión actuará a charanga e as pandeireteiras da Pontevella.
Despois da música tradicional chega a quenda do rock. Biribirloke fará vibrar aos asistentes co seu enérxico directo con rock and roll feito en galego e en Bugallido.
A festa contará, ademais, cunha carpa para resgardarse do frío, amplo espazo de aparcamento e unha cantina para repoñer folgos.