miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O trompista estadounidense Eric Terwilliger formará a xoves músicos en Santiago

O trompista estadounidense Eric Terwilliger formará a xoves músicos en Santiago
O trompista estadounidense Eric Terwilliger formará a xoves músicos en Santiago

Impartirá clases maxistrais a intérpretes novos a vindeira semana na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do trompista estadounidense Eric Terwilliger. Xunto aos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro.


As clases de trompa celebraranse os días 25 -de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h- e o 26 de novembro -de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00 h-. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.


Eric Terwilliger, un dos trompistas máis prestixiosos na actualidade


Eric Terwilliger foi durante máis de trinta anos trompa solista da Orquestra Filharmónica de Múnic. Nestes intres ocupa o mesmo posto na Orquestra Sinfónica da Radio de Baviera. Tras ser galardoado en diferentes certames internacionais, actuou como solista xunto a grandes orquestras como a Filharmónica de Viena ou a Filharmónica de Berlín, entre outras. É o único intérprete de trompa que actuou no Carnegie Hall de Nova York e no Musikverein de Viena.


Aos seis anos xa tocaba a trompeta, o piano e a guitarra. Aos dez comezou a actuar como solista de trompeta, e aos doce a tocar jazz, blues e música popular coa guitarra. Aos quince anos cambiou a trompeta pola trompa. A súa carreira como músico de orquestra comezou en 1975 como trompa solista no Staatstheater Kassel de Alemaña.


Imparte clases maxistrais en Europa, Asia, América do Norte e do Sur; incluíndo o Mozarteum de Salzburgo, o Conservatorio de París, a Universidade de Cambridge, a Escola de Música Toho Gakuen en Tokio ou a Escola Juilliard en Nova York. É catedrático de trompa na Universidade de Música e Teatro de Múnic.

Comentarios
Lo más