miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Critican a «pasividade» e as «incongruencias» da Xerencia do CHUS sobre o conflito de otorrinolaringoloxía

Critican a «pasividade» e as «incongruencias» da Xerencia do CHUS sobre o conflito de otorrinolaringoloxía
Critican a «pasividade» e as «incongruencias» da Xerencia do CHUS sobre o conflito de otorrinolaringoloxía

CCOO non ve lóxico que a Administración rebaixe este conflito a simples «diferenzas internas» e que ao mesmo tempo lle outorgue gravidade a suficiente como para elevala á Inspección

A Federación de Sanidade critica a «pasividade» e as «incongruencias» da Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) no tocante ao conflito do servizo de otorrinolaringoloxía. O sindicato non ve lóxico que a Administración sanitaria o rebaixa a simples «diferenzas internas», pero que ao mesmo tempo lle outorgue a gravidade suficiente como para elevar a situación á Inspección.

Desde CCOO tamén lle afean á Xerencia a súa «desesperante parsimonia» á hora de procurar solucións ao conflito. Malia que a problemática vén de longo —o sindicato expuxo a situación xa en xuño—, a Administración «non moveu un dedo» e, malia ter as competencias, «decide traspasarlle á Inspección a responsabilidade de resolver un asunto interno».

Constantes menosprezos e humillacións

Por outra parte, CCOO rexeita os argumentos da Xerencia e sinala que o conflito non se debe a «diferencias entre o persoal», senón que parte directamente do xefe do servizo e da súa relación coa gran maioría dos profesionais facultativos. «As relacións están tan deterioradas que só se comunica por correo electrónico», exemplifica o sindicato.

Estes profesionais «levan moito tempo sendo cuestionados laboralmente» mesmo diante de pacientes e doutro persoal do hospital. E, o que é máis grave, «sufrindo continuos menosprezos e humillacións», denuncia CCOO.

A organización imposta polo xefe do servizo está a provocar un «caos organizativo», con cargas de traballo moi desiguais para os distintos profesionais, tanto no que respecta ás axendas —algunhas teñen un ou tres doentes, pero hai outras con vinte— como ás intervencións cirúrxicas.

A consecuencia de non manter a equidade nas intervencións cirúrxicas é unha «perda de competencia para os profesionais afectados, o que pode traducirse nunha afectación da calidade da asistencia que se lle presta aos doentes», apunta CCOO.

Comentarios
Lo más