miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Borja Verea aposta por un carril-bici que una Santiago e O Milladoiro

Borja Verea aposta por un carril-bici que una Santiago e O Milladoiro
Borja Verea aposta por un carril-bici que una Santiago e O Milladoiro


Nunha sesión de traballo con Composcleta declarou que “Santiago ten que seguir o exemplo das cidades máis avanzadas de Europa que levan anos apostando pola mobilidade sostible”.

Borja Verea, deputado autonómico e presidente dos populares composteláns, nunha reunión con Composcleta, asociación de usuarios de bicicleta, ven de reclamar que “Santiago ten que seguir o exemplo das cidades máis avanzadas de Europa que levan anos apostando pola mobilidade sostible”.

Nesta liña engadiu que “estamos vendo como se presentan e anuncian proxectos que pouco interesan aos veciños, cámaras dixitais, multamóviles, paneis informativos, infraestruturas todas das que descoñecemos a súa utilidade” e, engadiu “estamos perdendo a oportunidade de vertebrar a cidade pensando no futuro, e o futuro non son cidades intelixentes cheas de tecnoloxía inútil, o futuro é un Santiago máis amable, máis humano e máis accesible paras as familias e veciños”.

Verea denuncia que “os actuais responsables municipais xa demostraron ao longo dos anos que non creen nesta transformación, por iso reclamamos que sexa a Xunta quen tome a iniciativa e destine fondos europeos en Santiago para construir unha rede de carrís bici que conecte os principias centros e barrios da cidade”.

Na xuntanza analizouse o proxecto de 50 km de carrís bici que defenden os populares onde o deputado compostelán quixo destacar que “un carril bici, amplo e seguro, que una o Milladoiro con Santiago, como alternativa á SC-20, sería un exemplo de vangarda e o primeiro paso para consolidar o que xa somos, unha mesma cidade”.

Verea sinalou tamén que “temos un proxecto para a creación de 8 itinerarios de carrís-bici  que sumarían 47km e conectarían puntos estratéxicos da cidade” como a conexión do Campus Norte e o Campus Sur, ou a Estación Intermodal e San Caetano coa Cidade da Cultura”. Outros itinerarios irían ata o Polígono do Tambre ou o Hospital Clínico.

Neste senso Borja Verea  apuntou que “Santiago ten que ser un referente de modernidade e vangarda, xa que a sociedade de hoxe en día non é a mesma que a de hai 30 anos, e a xestión do tráfico, o uso do espazo público ten que ser polo tanto diferente”, e engadiu que “en cuestións como a mobilidade sostible, as mensaxes que se envían desde as institucións son clave” e en Santiago “os poucos carrís bicis que se construíron parecen unha broma, curtas distancias e desconectados entre eles”, concluíndo que “os actuais dirixentes non teñen xa credibilidade para deseñar a cidade do futuro”.

Comentarios
Lo más