Compostela Rupestre bota a andar coa creación do centro de interpretación en Villestro e a compra de parcelas en Monte Piquiño
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, mantiveron unha xuntanza con representantes dos cinco concellos que integran o Parque Arqueolóxico na que acordaron as primeiras iniciativas ás que destinar o crédito asignado a este proxecto
O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, mantiveron unha xuntanza de traballo con representantes dos cinco concellos con terreos integrados no Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre - Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra- para decidir a que iniciativas concretas se destinan os fondos dispoñibles para este proxecto.
Na xuntanza, que tivo lugar na Casa Consistorial de Teo, decidiuse destinar 150.000 euros á creación do CIRVI (Centro de Interpretación Rupestre de Villestro) empregando a antiga escola unitaria do lugar de Villestro, en Santiago de Compostela, escollido pola súa situación central e ben comunicada entre os cinco concellos de compoñen o parque. Convén lembrar que esta é unha das propostas recollidas no Plan Director que ademais indica que deste edificio se sitúa na contorna inmediata dun petróglifo accesible para as visitas, e propón a recreación dun poboado da Idade do Bronce.
Na xuntanza tamén se acordou destinar 50.000 euros para a compra de parcelas nas que se sitúan petróglifos en Monte Piquiño, no Concello de Teo, e 125.000 euros para o mantemento, limpeza e sinalización de entidades patrimoniais (a contorna dos petrógligos) e para a actualiación da páxina web do proxecto, implementando un sistema de xeolocalización dos elementos patrimoniais.
Ao remate desta reunión de traballo, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas asegura que “este encontro foi realmente produtivo e supón un paso adiante para comezar a facer realidade este proxecto”. O deputado indica que “a partires de agora pasamos da fase administrativa á fase executiva, propiciada pola sintonía e a colaboración entre Deputación e os concellos implicados que foron capaces establecer unha liña de traballo de cara aos vindeiros meses e que suporá un impulso definitivo ao proxecto Compostela Rupestre”.
O encontro de hoxe chega apenas unhas semanas despois de que se presentara na Deputación da Coruña o Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, redactado pola empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L., que reúne un catálogo de 144 entidades patrimoniais, define 67 contornas de protección e describe de modo exhaustivo o total de petróglifos do Parque de Compostela Rupestre combinando o traballo de documentación e investigación, co emprego da tecnoloxía SIX (Sistema de Información Xeográfica). Ademais, o Plan traza a folla de ruta das accións a realizar no curto, mediano e longo prazo no Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, dotando ademais ao parque dun modelo de xestión sinxelo e eficaz
Na xuntanza participaron, ademais do vicepresidente e do deputado de Patrimonio, a concelleira de Turismo de Teo, María López Álvarez, a tenente de alcalde de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón Ferreiro, o tenente de alcade de Ames, David Santomil Mosquera, a concelleira de Turismo e Patrinomio de Brión, Yolanda Bouzas Alfonsín, e o concelleiro de Val do Dubra, Óscar del Río Pombo. Tamén participou persoal técnico do departamento de Turismo da Deputación, representantes da USC e do colectivo A Rula, e o xefe de Servizo de Arqueoloxía da Consellaría de Cultura, Roberto Pena Fuentes.