CC.OO. denuncia "caos organizativo" no servicio de Otorrinolaringología do CHUS
O sindicato denuncia a «pasividade» da Xerencia do complexo e do propio Sergas
A Federación de Sanidade de CCOO denuncia a «insostible» situación do servizo de otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Tamén critica a «pasividade» da Xerencia do complexo, así como a do propio Sergas, pois saben da problemática desde o pasado mes de xuño, cando o sindicato a puxo no seu coñecemento.
A falta de decisións e de solucións por parte da Administración sanitaria está a producir «graves consecuencias» para as traballadoras e os traballadores, e mesmo pode verse prexudicada a calidade asistencial, advirte CCOO.
Segundo o sindicato, a dirección do servizo está a provocar unha sorte de «caos organizativo», con cargas de traballo moi desiguais para os distintos profesionais, tanto no que respecta ás axendas —algunhas teñen un ou tres doentes, pero hai outras con vinte— como ás intervencións cirúrxicas.
A consecuencia de non manter a equidade nas intervencións cirúrxicas é unha «perda de competencia para os profesionais afectados, o que pode traducirse nunha afectación da calidade da asistencia que se lle presta aos doentes», apunta CCOO.
A mesma falta de equidade prodúcese na concesión de permisos, chegando a comunicarse recentemente a suspensión da concesión de permisos e vacacións pola situación de «inestabilidade organizativa» do servizo.
Deterioración das relacións
Ao «caos organizativo» engádese a crecente deterioración das relacións interpersoais da dirección do servizo co persoal facultativo, «con reiteradas descualificacións e mesmo co cuestionamento da competencia profesional deste persoal», que se sinte maltratado e acosado tanto laboral como persoalmente.
A situación vaise deteriorando progresivamente «e sen que as autoridades sanitarias competentes adopten ningunha solución», reproba o sindicato.
Por último, CCOO, ademais de continuar a esixir que a Administración sanitaria asuma as súas responsabilidades, vai adoptar «as medidas que sexan necesarias» na defensa do persoal do servizo de otorrinolaringoloxía para conseguir chegar a unha solución.