Comezan os traballos de asfaltado no polígono de Costa Vella
A renovación do firme afectará ás rúas Polonia e Eslovenia
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) amosa a súa satisfacción polo inicio mañá venres, 12 de novembro, dos traballos de asfaltado na zona do polígono de Costa Vella. A Asociación considera que se trata dunha actuación moi necesaria que se ven demandando ao Concello de Santiago.
Esta renovación do firme, con traballos de fresado e posterior aglomerado nas rúas de Polonia e Eslovenia, farase en horario diúrno a partir das 9 horas e durante un prazo mínimo dunha semana. As obras pasarán a realizarse en horario nocturno no momento no que se executen as rotondas que dan acceso a esta vía.
Permitirase o acceso ás naves instaladas nesta rúa, pero o resto da circulación será desviada tanto pola rúa da República Checa como pola rúa de Castela e León. Poderanse usar accesos alternativos polo parque de A Sionlla, desde a N-550 á altura da FINSA e pola vía de servizo a Amio, para evitar retencións.