miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Demandan ao alcalde que a empresa de limpeza poña os recursos humanos e materiais que figuran no contrato

Demandan ao alcalde que a empresa de limpeza poña os recursos humanos e materiais que figuran no contrato
Demandan ao alcalde que a empresa de limpeza poña os recursos humanos e materiais que figuran no contrato

En abril de 2020 fíxose unha orde de continuidade de Urbaser onde se di que ese servizo ten que prestarse nas mesmas condicións

A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro co comité de empresa de Urbaser ante as  “deficientes condicións en que se presta o servizo de recollida de residuos nos últimos tempos, o que ocasiona unha falta de limpeza evidente tanto no ámbito rural como no urbano e un descontento xeral da veciñanza”, explicou. Así, o BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para demandarlle ao Goberno local que lle esixa á empresa que cumpra a calidade do servizo nas mesmas condicións do contrato.

“Na xuntanza co comité de empresa de Urbaser, o BNG recibiu información dos graves problemas de falta de persoal e de recursos materiais para poder desenvolver o seu traballo desde hai xa moito tempo, que se agrava na actualidade coa carencia de 21 persoas que non son cubertas pola empresa cando debería haber unha contratación inmediata; xunto con camións en mal estado, insuficientes medidas de seguranza laboral e varredoras avariadas que non poden saír, o que provoca un servizo deficiente para a veciñanza”, advertiu. Puxo como exemplo, que os contedores do rural levan sen lavar 18 meses e os da zona urbana 8 meses, un incumprimento total do estabelecido no prego do contrato.

Prodúcese un incumprimento claro do prego de condicións que está a prestar unha empresa concesionaria en precario, porque desde 2005 en que se iniciou esta prestación, transcorreron 10 anos do contrato e 5 da prórroga, “mais en abril de 2020 fíxose unha orde de continuidade da empresa onde se di que ese servizo ten que prestarse nas mesmas condicións”. Por tanto, desde o Goberno local teñen que esixir que se cumpran as condicións dos pregos para manter a calidade deste servizo e para  o persoal traballador, xunto co bo estado de recursos que necesitan como camións, varredoras e lavado de contedores para desenvolver estas funcións.

Mais a realidade é que existen “problemas de seguranza para traballadores e traballadoras, camións que van ciscando lixo cada vez que recollen un contedor, plataformas avariadas e este Goberno municipal ten a obriga de solucionar estas deficiencias”.

“A falta de limpeza e acumulación de residuos é un dos principais problemas que advirte a veciñanza en Compostela, unido a que se cobra un servizo ao rural que non se presta nas condicións debidas”, sinalou Goretti Sanmartín.

Pese a que o BNG leva anos a reclamalo, non hai un servizo de control e de inspección das empresas concesionarias e o incumprimento dos pregos é sistemático. “Este tema non se vai solucionar co novo concurso, pois os novos pregos non están á altura do que Santiago precisa e non recollen melloras vinculadas á reciclaxe e ao ecoloxismo, nin a revisión dos contedores soterrados”, explicou.

“Este Goberno municipal ten a obriga de escoitar traballadores e traballadoras e de saber as condicións deficientes en que se presta este servizo moi deteriorado nos últimos tempos”, engadiu a portavoz municipal nacionalista.

Comentarios
Lo más