CA, PP e BNG solicitan a celebración dun Pleno extraordinario para abordar a situación de risco no Pombal
Os grupos solicitantes requiren que, no prazo de 5 días desde a celebración deste pleno extraordinario, o Goberno local reúna ás voceiras e voceiros dos grupos municipais para explicar o nivel de seguridade e risco do noiro e do propio vial do Pombal na actualidade
O Grupo Municipal Popular, xunto cos de Compostela Aberta e BNG, solicitan a celebración dun Pleno extraordinario para abordar situación de risco no Pombal, desde o derrubo acontecido o 21 de novembro de 2019, poñendo en cuestión a seguridade da circulación peonil e viaria.
Os grupos solicitantes requiren que, no prazo de 5 días desde a celebración deste pleno extraordinario, o Goberno local reúna ás voceiras e voceiros dos grupos municipais para explicar o nivel de seguridade e risco do noiro e do propio vial do Pombal na actualidade, sobre todo, tendo en conta que xa se iniciou o período de choivas, o que xa supón un incremento de risco para este noiro, tal e como aseguraban os técnicos no seu informe de outubro de 2020: “… como xa se comentou nun informe anterior e se volve a reiterar, as medidas provisionais actuais non son suficientes para evitar novos desprendementos, existindo na actualidade un grande risco de derrubo agora que comeza o período de choivas”. Desde a realización deste documento apenas se actuou na zona.
Así mesmo, tamén se esixe a máxima celeridade nos traballos de consolidación do noiro, tanto da parte pública como privada, e que se garanta a seguridade na circulación de peóns e vehículos na súa contorna.
Solicítase, ademais, a constitución dunha comisión de estudo de carácter especial, integrada consonte a un sistema de voto ponderado por dous membros de cada grupo municipal, para que avalíe as causas da excesiva demora e a correspondente situación de risco habida, e esixa, se fose o caso, as responsabilidades oportunas.
Cabe destacar que esta neglixencia e falta de responsabilidade afecta a toda a Xunta de Goberno, incluído o alcalde, posto que todos son coñecedores do risco que supón ter o muro do Pombal nesta situación, especialmente, os concelleiros Mercedes Rosón, Javier Fernández e Gonzalo Muíños.
A xuízo do portavoz do Grupo Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, “estamos ante unha irresponsabilidade maiúscula, que esixe explicacións ou algo máis que explicacións”.