O San Martiño xa ten o seu programa de festas
O Concello traballa na programación da feira cabalar do San Martiño, que o ano pasado non se puido celebrar por mor da pandemia. ”Este ano haberá música, haberá artesanía, haberá polbo e sobre todo haberá cabalos!!” indica María López, concelleira de Turismo e Cultura.
A feira cabalar celébrase en Francos o 11 de novembro e leva celebrándose dende o século XV. A pandemia obrigou a cancelar a celebración o ano pasado máis este ano volve con forza e sobre todo “coa intención de reivindicar o carácter rural e cabalar da feria, e farémolo cunha zona de artesás zoqueiras convidadas” sinala María López.
A choiva e a lama na carballeira son moitos anos protagonistas da xornada xunto cos cabalos e os polbeiros. Así que este ano queremos animar ás persoas que veñan ao San Martiño a vir en zocos. E se subides imaxes ás redes podedes utilizar o cancelo #euvouaoSanMartiño21
Música e artesanía
Dende Turismo xa se pechou unha programación que oferta actividades ao redor do San Martiño nos días previos á feira e na véspera, datas na que xa estarán instaladas as carpas dos polbeiros. A carpa institucional, colocada detrás da Casa Común de Francos en fronte do lavadoiro, será o centro destas accións.
O sábado 6 ás 20:30 arranca o programa coa presentación do San Martiño 2021 para o que contaremos coa proxección do himno da feira. A continuación teremos o concerto de Pauliña ás 21:00 horas. A artista é a nova proposta galega de country folk que comezou a súa carreira no 18 e leva os últimos anos enchendo de ritmo e compromiso os seus espectáculos. A actuación é de balde pero controlarase o aforo polo que hai que reservar entrada premendo aquí
A música seguirá sendo protagonista na véspera da feira, o mércores 10 ás 21:00 horas co concerto de Os D´Abaixo. A banda folk conta entre os seus integrantes con referentes da música galega que veñen de Berrogüeto e Fía na Roca e cun integrante de Teo. Xogan na casa e de seguro que encherán a previa á feria de bo ritmo e boa música. Para asistir hai que reservar entrada premendo aquí
No día da feira a carpa institucional contará con mercado tradicional e na carpa institucional haberá artesanía, viños teenses, mercado labrego e demostración zoqueira como artesanía convidada coa presenza de Elena Ferro. Tamén estará, na entrada da feira, a Barraca de Barriga Verde.
O propio día 11 tamén haberá animación co Cego na feira con Oli Xiráldez e coas sobremesas cantareiras de Ce Orquestra Pantasma e o grupo Os Roncos da SR de Calo.
O domingo 7 celébrase a Feiriña do San Martiño
Este ano o domingo anterior á feira do San Martiño celebraremos a Feiriña, un encontro para que as crianzas teñan a súa xornada festiva ao redor do cabalo e da tradición. Haberá actividades para público familiar ao longo de todo o día na carpa institucional. Haberá xogos para familias na carballeira e moita música.
Para estas actividades non é preciso anotarse.
Pola mañá teremos ao cuarteto tradicional da Asociación Cultural A Mámoa de Luou. Durante toda a xornada contaremos co paiaso Piter e a súa banda con actividades de circo, malabares, equilibrimos, zancudos.
Dos xogos en familia haberá varios pases e o acceso farase por orde de chegada. A xornada pecharase cun concerto ás 17:30 horas de Pakolas e o seu espectáculo “Rockeando con Ramona Órbita”. O acceso farase por orde de chegada.
Olladas do San Martiño
Dende Turismo tamén se programou este ano a iniciativa Olladas do San Martiño. “Queremos ver a feira a través de tres miradas distintas e queremos facelo nas redes sociais, porque alí tamén se vive unha feira histórica e tradicional como o noso San Martiño” explica a concelleira María López.
Os fotógrafos encargados de achegarnos o seu xeito de mirar serán o fotoxornalista Óscar Corral en instagram @oscarcorralfoto, Noel Feáns a persoa que está detrás da páxina en instagram @paisaxesgalegas e Charo Lopes en redes @umalopes.
O día do San Martiño vivirán a feira e irán compartindo en redes as súas imaxes para que os que non poidan estar poidan igualmente desfrutala. A intención é logo poder facer unha recopilación dese traballo e editar un libro de fotos.