A ponte comeza con tempo gris
As temperaturas en Santiago oscilarán entre os 12 e os 16 graos
O venres Galicia continuará na influencia das baixas presións con ventos do suroeste. Así, os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos máis probables pola mañá e ao final do día. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán de compoñente oeste, frouxos durante o día no interior, con intervalos de moderado na costa; irán aumentando de intensidade cara á noite sendo fortes no terzo sur de Galicia arredor da madrugada.
En Santiago agárdase para os vindeiros días unha alternancia de períodos de ceos moi anubrados con outros con nubes e claros. Agárdanse precipitacións tódolos días. As temperaturas serán normais para esta época do ano, con mínimas en ascenso moderado aínda que oscilarán e máximas en ascenso lixeiro.