Música e natureza combínanse no proxecto "Electrofauna. A vibrante chamada do bosque como latexo electrónico", que se desenvolve ata o domingo en Santiago
Desde este venres ata o domingo, 24 de outubro, celébrase en Santiago de Compostela "Electrofauna. A vibrante chamada do bosque como latexo electrónico", un proxecto cultural novidoso e vangardista que plantexa distintas actividades ambientais combinadas con sesións musicais que parten da música electrónica e vanse mesturando con sons da fauna e a videocración. Esta venres presentárono, en rolda de prensa, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e a xestora cultural e coordinadora de Electrofauna, Mónica Meijide. Os convites para apuntarse nas distintas actividades están dispoñibles na web entradium.com
Ademais da programación musical, en Electrofauna tamén teñen cabida as visuais de Nomeí Parga, Bruswillis e Yuraq Walla. As distintas actividades poderanse seguir en directo a través do Facebook de Correveydile, a entidade que promociona o evento.
O programa de Electrofauna complétase con distintas actividades ambientais, como unha xincana por un parque de Compostela, en contacto coa natureza; un roteiro interpretativo polo monte Pedroso, o próximo domingo, no que se van efectuar rexistros sonoros dos diferentes hábitats; e unha charla nunha ubicación segreda, que se desvelará ás persoas interesadas a través de correo electrónico.
Segundo sinalou Mercedes Rosón, "para o concello de Santiago é unha satisfacción poder colaborar nun proxecto tan novidoso como Electrofauna". Un proxecto, continuou, "que busca, a través da súa programación, o fomento de valores e accións coas que nos identificamos totalmente; como fomentar a integración da perspectiva e da igualdade de xénero, poñer en valor o patrimonio da cidade, divulgar o coñecemento sobre a nosa fauna e flora autóctonas, difundir a lingua galega e levar as accións culturais ao ámbito rural e aos barrios compostelanos mediante a realización de actividades fóra do Ensanche e o casco histórico.
A concelleira de Acción Cultural recordou que Electrofauna foi unha das iniciativas beneficiarias das axudas ao sector profesional, e convidou á cidadanía a participar nas distintas acitvidades dun proxecto que Mónica Meijide describiu como "arriscado, experimental, vangardista, innovador e transversal, que intenta ligar a natureza, a nosa contorna, con conceptos artísticos, intentando explorar a faceta máis creativa dos nosos artistas".