Así valoran Bugallo e oposición os orzamentos da Xunta
O alcalde lamenta a ausencia dunha subida nas aportacións pola capitalidade e ao Consorcio da cidade
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, lamentou que os orzamentos da Xunta para 2022 carecen de partidas específicas que supoñan "un beneficio directo" para os cidadáns da capital galega, a diferenza do que se dedica a "outras cidades".
O rexedor local valorou este xoves, en declaracións aos medios, as contas do Goberno galego para o próximo exercicio, das que destaca o apoio ao Polo de Biotecnoloxía A Sionlla, que "xa estaba comprometido", e a ampliación do CHU.O resto dos investimentos, engadiu, afectan especialmente a instalacións vinculadas á propia Xunta ou a "servizos internos" da comunidade autónoma, como os edificios de San Caetano ou a remodelación da oficina de Turismo.
Pola súa banda, Marta Lois, portavoz de Compostela Aberta, apunta que “Os orzamentos da Xunta non son nada novo. O Goberno de Feijóo inviste en sí mesmo, no Xacobeo e en obras para os turistas, mentres esquece as necesidades da cidadanía de Compostela. Así de contundente se expresou a portavoz de Compostela Aberta, que cualificou de “indigno que o Partido Popular e a Xunta de Galicia tenten facer pasar gastos e investimentos xerais e ordinarios por investimentos en Santiago”, ao tempo que conxelan partidas fundamentais para a nosa cidade e obvian demandas históricas da capital galega.
Marta Lois referiuse, en concreto, a actuacións como as reformas do complexo administrativo de San Caetano, a rehabilitancón das oficinas da Secretaria Xeral de Turismo en Mazarelos ou a construción da sede do Imelga nas Fontiñas a pesar da oposición veciñal. Para a concelleira, “estas partidas millonarias só significan que a Xunta prioriza o gasto en facer máis despachos e edificios para os políticos por diante das necesidades reais da xente, por diante de mellorar o día a día das persoas, da xente do común”.
Sen novo aparcadoiro no CHUS
En contraposición a eses anuncios, Marta Lois calificou como obsceno que se orce a ampliación do CHUS sen contemplar a construción dun novo aparcadoiro, “de xeito que se agravarán os graves problemas de accesibilidade e mobilidade que afectan actualmente ao Hospital e a todo o barrio da Choupana”. Para a portavoz de CA, estamos diante dunha “oportunidade perdida, coa que Santiago terá un novo edificio, pero con persoal sanitario traballando na máis absoluta precaridade, e iso aféctalle ao común da cidadanía, non é só o cemento”.
Na mesma liña, a concelleira incidiu en que “sabemos que van mellorar os despachos e oficinas da Xunta, pero nada sabemos do novo centro de saúde de Conxo, da nova Escola de Idiomas, da ampliación do Conservatorio, ou se a administración autonómica vai ou non vai colaborar na construción dunha nova piscina para Santiago”. Marta Lois tamén criticou que a Xunta “intente vender como investimentos novos o que non son máis que reanualizacións de compromisos anteriores que non se executaron, como é o caso do biopolo da Sionlla”.
As ferramentas da capitalidade
Xa sobre as ferramentas da capitalidade, Marta Lois tamén mostrou a súa decepción pola falta de avances e porque “a Xunta mantén a liña do que xa vimos nos orzamentos do Estado: realmente os investimentos que se prometeron co Real Padroado son fume, porque non se confirma a achega nin do goberno de Pedro Sánchez nin tampouco do goberno de Feijóo”. No caso do Goberno Galego, incidiu, “co agravante de que se mantén totalmente conxelada a partida pola capitalidade, en pleno ano duplo Xacobeo, e sendo unha partida que acumula un déficit de polo menos 3 millóns de euros de cada ano do goberno Feijóo”.
A portavoz de CA aproveitou tamén para destacar que “fronte a estes orzamentos tan decepcionantes non esperamos que o alcalde se poña ao frente dos intereses da cidade, máis ao contrario, temos a certeza absoluta de que baixará a orella e dará por bo todo o que lle diga Feijóo, independentemente de que sexa mellor ou peor para Santiago”.
Goretti Sanmartín considera “unha estafa” os Orzamentos da Xunta para Santiago por non subir as partidas do Consorcio e Capitalidade
A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, realizou unha valoración das partidas dos Orzamentos da Xunta para Santiago e considerou “unha estafa” que non se incrementasen as partidas do Consorcio da Cidade e do Estatuto da Capitalidade, que se manteñen conxeladas pese ao aumento das necesidades de mantemento da Cidade histórica.
“Despois de coñecermos que os Orzamentos do Estado inclúen cero euros para o incremento da partida do Consorcio, cos Orzamentos da Xunta corrobórase que o alcalde de Santiago de Compostela estafou a veciñanza ao anunciar un investimento de 280 millóns de euros para Santiago que, nun ano Xacobeo como vai ser o 2022, non se materializan”, sinalou. Os proxectos presentados aos fondos Next Generation non son específicos para Santiago de Compostela, que podería optar a eles como calquera outra cidade do Estado. Por tanto, é “un engano” afirmar que existe unha cantidade importante de investimento comprometida coa nosa cidade, agás que o compromiso se vaia materializar no 2029. Para alén disto, os proxectos presentados aos fondos non repercuten no Orzamento estrutural do propio Consorcio, que ten que dar un salto para ser o instrumento dinamizador da rehabilitación e a devolución de vida á Cidade histórica, engadiu.
Ademais, sinalou que son uns Orzamentos “rutineiros” que non dan resposta aos problemas sociais nin económicos derivados da pandemia e “trampulleiros” porque consideran importantes partidas para a reforma da Cidade administrativa de San Caetano, do complexo do Monte do Gozo e do Xacobeo como se fosen investimentos para a veciñanza compostelá.
“A falta de vivenda pública, de prazas de escolas infantís, de residencias de maiores e centros de día tampouco son prioridades para os gobernos de Bugallo e de Feijóo, como reflexan estas contas que dan as costas aos verdadeiros problemas que ten a veciñanza de Santiago”, indicou Goretti Sanmartín. “Isto evidencia que nin PP nin PSOE teñen sensibilidade coas necesidades sociais”, engadiu.
Así, o BNG reclama investimentos da Xunta para construír centro de día das Fontiñas, un comedor social público, investimentos para saneamento no rural, a escola infantil de Santa Marta, obras nos centros de ensino públicos
O BNG tamén cuestionou o feito de que obras que figuran, ano tras ano, non se executen como o Centro de Saúde de Conxo, ao que nin se asigna unha cantidade, o que dá conta da falta de prioridades para a veciñanza. Do mesmo xeito que falta incluír os compromisos para a Escola de Idiomas, Conservatorio de Música e Conservatorio de Danza, sobre o que existe demanda e daría un importante servizo non só ao noso concello senón a toda unha extensa comarca.