miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Xunta de Galicia e Concello de Frades invisten 50.000 euros na ampliación e mellora dos vestiarios do campo de fútbol de Abellá

A Xunta de Galicia e Concello de Frades invisten 50.000 euros na ampliación e mellora dos vestiarios do campo de fútbol de Abellá
A Xunta de Galicia e Concello de Frades invisten 50.000 euros na ampliación e mellora dos vestiarios do campo de fútbol de Abellá

As instalacións foron visitadas   polo secretario xeral para o Deporte e o alcalde de Frades

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou  as instalacións do campo de fútbol do Vedral (Abellá), onde a Xunta de Galicia e o Concello de Frades veñen de investir 50.000 euros na ampliación e mellora dos seus vestiarios. Unha visita na que o secretario xeral estivo acompañado polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; o xefe provincial de Deportes, Roberto García; os concelleiros de Xuventude e Obras, Juan Carlos Portos e Manuel Ferreiro; e José Lagares, director da empresa adxudicataria da obra.


A ampliación dos vestiarios realizada no campo de fútbol de Abellá contou cun orzamento de preto de 50.000 euros (48.398,90 euros), sendo achega da Xunta 35.000 euros e do Concello de Frades, os restantes 13.398,90 euros. Roberto Rey explicou que “os vestiarios, ademais de ser algo escasos, tiñan filtracións de auga polas cubertas e non eran evacuadas correctamente cara as rexillas existentes no chan. Agora colocouse unha cuberta de panel sandwich e impermeabilizouse a zona, ademais de demoler un muro de formigón para poder ampliar os vestiarios e crear unha nova zona para lavandería”.


Pola súa banda, o mandatario galego destacou a importancia do deporte e nomeadamente do fútbol no Concello de Frades que conta con dous equipos como o San Estevo de Abellá, que xoga no Vedral, e a S.D. Pontecarreira. Así mesmo, fixo fincapé no feito de que o San Estevo conta con equipo feminino desde hai varias tempadas e que actualmente compite na 2ª división galega.


En concreto, os traballos levados a cabo consistiron na demolición de carpinterías e muros previos para a construción de novos muros que serviron de peche da ampliación do vestiario e da nova zona de lavandería, onde se colocaron portas de acceso tanto desde o interior como desde o exterior dos vestiarios. Ampliouse tamén a rede eléctrica e colocouse unha baixante para recoller as augas pluviais. As cubertas foron cambiadas por outras de panel sandwich impermeabilizadas. Finalmente procedeuse ao pintado dos vestiarios e á colocación de bancos e percheiros.


A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

Comentarios
Lo más