CA pide melloras no refuxio de Bando
María Rozas reclama o reforzo do persoal do Refuxio e que se recuperen as campañas de sensibilización contra o abandono e de esterilización de gatos que funcionaron no pasado mandato
Compostela Aberta demándalle ao Goberno local que poña en marcha medidas para mellorar o funcionamento do Refuxio de Animais de Bando, “que a día de hoxe está saturado e non dispón nin de persoal nin de equipamentos axeitados para atender toda a demanda”. A concelleira María Rozas explicou que as instalacións “atenden hoxe a nove concellos, e este incremento do ámbito de actuación non foi acompañado do necesario reforzo do persoal”.
O grupo municipal de Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción na que reclama o reforzo do persoal operario e veterinario do Refuxio de Bando, así como a dotación de material de traballo, a posta en marcha de medidas de prevención de riscos laborais e de seguridade, e a recuperación do servizo de limpeza externo das instalacións. Ademais, CA reclama que se execute o investimento de 40.000 euros que está previsto para a renovación das cancelas do Refuxio, e que se poñan en marcha campañas de sensibilización contra o abandono, e campañas de esterilización dos gatos en colaboración con clínicas veterinarias.
Despois de realizar unha visita a Bando, María Rozas explicou que o Refuxio mantén prácticamente o persoal que tiña na súa creación, malia que a día de hoxe atende a un total de nove concellos: Santiago, Teo, Vedra, Boqueixón, Touro, Trazo, Dodro, Brión e Val do Dubra. A concelleira sinalou que “as traballadores e traballadoras vénse sometidos a unha enorme carga de traballo, por mor do incremento de animais recollidos neses municipios”. A principal preocupación tén que ver co aumento da poboación de gatos, “que habitualmente rondaban os 70 animais, fronte aos 200 gatos que hai a día de hoxe en Bando, o que fai preciso que se estude un reforzo de persoal, cando menos en momentos de sobrecarga como os actuais”.
Desleixo do Goberno
Para María Rozas, existe un importante desleixo por parte do Goberno, no que tén que ver co Refuxio, porque “nin se adoptan medidas que entendemos máis complexas como é o reforzo do persoal, nin tampouco se impulsan accións máis sinxelas e que son moi necesarias como as campañas de sensibilización sobre o abandono para reducir o número de animais que teñen que acabar sendo atendidos en Bando”.Tamén sorprende, salientou a concelleira, “que este Goberno non manteña tampouco a campaña impulsada no pasado mandato polo Goberno de Compostela Aberta para a esterilización dos gatos, que se levaba a cabo en colaboración con clínicas veterinarias, e que sería de gran importancia nun momento no que existe unha sobrepoboación felina no Refuxio”.
Boa mostra da situación de desleixo, apuntou Rozas, é o acontecido a finais de agosto nun galpón de Santiago, no que oito voluntarias rescataron a 78 cans en pésimo estado, nun caso do chamado “síndrome de Noé”. Tal e como relataron, nin o Concello nin a Xunta fixeron nada, malia seren coñecedores da situación, e por este motivo está activa unha campaña en change.org na que se solicita a dimisión das conselleiras de Benestar Animal e de Servizos Sociais. Para María Rozas, “que esa campaña leve xa recollidas máis de 1.600 sinaturas debería facer que o Goberno local faga autocrítica, reflexione, e traballe para mellorar os seus procedementos en materia de Benestar Animal”.