Santiago aproba as axudas para o comercio e ultima a concesión das de hostalería
A Xunta de Goberno Local aprobou o pagamento das axudas para o rescate do comercio, das que se van beneficiar 481 establecementos.
O executivo municipal aprobou a "Concesión, xustificación e pagamento das axudas para o rescate do comercio local afectado pola COVID 19. Anualidade 2021", a 481 das solicitudes presentadas polos establecementos comerciais. Suman un total de 1.684.500 euros. Desta cantidade, 500.000 irán con cargo ao convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a deputación da Coruña; e o resto, 1.184.500 euros serán asumidos polo concello.
Segundo informou o alcalde, 43 solicitudes foron denegadas "por non cumprir algún dos requisitos da convocatoria" e unha delas foi retirada. A Xunta de Goberno tamén acordou liberar o crédito remanente por importe de 219.500 euros, que se destinarán, segundo explicou Sánchez Bugallo, a reforzar a programación de Nadal do departamento de comercio, que ten como obxectivo a dinamización do sector e a incentivación do consumo no comercio local.
Por outra banda, aprobouse o gasto relativo á "Convocatoria de axudas para o rescate da restauración, hospedaxe e turismo do concello de Santiago afectado pola crise da COVID-19. Anualidade 2021, por importe de 1.747.105 euros.