O Pleno aproba a conta xeral do ano 2020 no medio das críticas
O Pleno do concello de Santiago, reunido en sesión extraordinaria, aprobou este venres a conta xeral do ano 2020, cos votos a favor do Grupo Socialista e as abstencións do Grupo Popular, Compostela Aberta e BNG.
En concreto, someteuse a consideración a conta xeral do concello de Santiago de Compostela, correspondente ao ano 2020, para a súa aprobación e posterior remisión ao Consello de Contas. Esta conta está integrada pola conta da entidade matriz e as contas do Organismo Autónomo Auditorio de Galicia, das sociedades mercantís TUSSA, INCOLSA e MercaGalicia, e as contas das Fundacións Públicas Refuxio de Animais e Eugenio Granell.
Tamén se aprobou un expediente de suplemento de crédito por importe de 7.000 euros para a adquisición de motocicletas para a Policía Local; e deuse luz verde, inicialmente, ao expediente de crédito extraordinario por importe de 36.196,76 euros para a reforma e legalización da instalación eléctrica do centro Xove de Creación Cultural da Almáciga.
Durante a semana, as críticas da oposición foron duras sobre a xestión do presuposto por parte do Goberno local. Así, Goretti Sanmartín revelaba “a nula capacidade de xestión e o baixísimo nivel de execución dos Orzamentos porque, un ano máis, as contas de Bugallo son contos”.
Referiuse así á “política de propaganda” do alcalde “porque de nada vale que poñan e escriban cifras e falen de proxectos cando estes se repiten unha e outra vez, aparecen ano tras ano e non se executan”, advertiu.
“Máis contratos menores, máis gasto en protocolo, partidas sociais sen gastar, e un menor grao de execución do capítulo de investimentos”. Así resumiu María Rozas a Conta Xeral de 2020. A concelleira de Compostela Aberta instou ao Goberno de Bugallo “a facer un exercicio de autocrítica, a non escudarse permanentemente na Covid, e a recoñecer que non souberon aproveitar as medidas excepcionais aprobadas por mor da pandemia en relación á regla de gasto ou á débeda bancaria para impulsar unha política económica que axudara a Santiago a saír da crise”.