miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Goretti Sanmartín: “Desde o BNG esiximos que se estenda a liña de autobús a Verdía para darlle servizo á veciñanza”

Goretti Sanmartín: “Desde o BNG esiximos que se estenda a liña de autobús a Verdía para darlle servizo á veciñanza”
Goretti Sanmartín: “Desde o BNG esiximos que se estenda a liña de autobús a Verdía para darlle servizo á veciñanza”

Urxe a instalación de marquesiñas para o transporte escolar en Lobra e Vilar de Outeiro

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e a concelleira Navia Rivas mantiveron un encontro coa directiva da asociación veciñal de Santa Mariña de Verdía onde trasladaron diversas necesidades de servizos básicos no relativo a transporte público, abastecemento e saneamento de auga, seguranza viaria, recollida de residuos e espazos de lecer para infancia e maiores. “A veciñanza quedou incomunicada desde que Tussa asumiu o transporte público á parroquia de Verdía e non ofrece a liña de autobús que lle corresponde”, advertiu Goretti Sanmartín.

Deste xeito, o BNG presentará unha iniciativa no Pleno para buscar unha solución á carencia de transporte público que lles afecta a 300 veciños e veciñas da parroquia de Verdía, co fin de que o Goberno local se comprometa a incluír, cando menos, frecuencias de ida e volta en horario de mañá e tarde para conectar co centro urbano. “Desde que Tussa asumiu o servizo de transporte, logo da eliminación de liñas de Autos Grabanxa e de que o transporte escolar deixase de prestar este servizo combinado para a veciñanza, prodúcese unha discriminación para a veciñanza de Verdía, que non dispón de autobús para ir traballar e onde hai moitas persoas maiores que non teñen conexión cos centros de saúde, hospitais e núcleo urbano para poder realizar a compra ou outras xestións”, indicou Goretti Sanmartín.

En paralelo, o BNG reclamará tamén melloras de seguranza viaria, como a instalación de marquesiñas de autobús para transporte escolar nas parroquias de Lobra e de Vilar de Outeiro, melloras nos pasos de peóns e ancho de vía que son insuficientes, canalización de pluviais, limpeza de cunetas e o asfaltado de tramos para poder acceder a vivendas. Hai unha zona especialmente perigosa situada entre a igrexa, o parque infantil e o centro sociocultural que carece de beirarrúas e pasos peonís, polo que é necesaria unha actuación de urxencia.

Cómpre mellorar tamén o parque infantil, tanto no material da superficie, na accesibilidade e no equipamento, pois precisa de xogos para diversas idades, bancos, papeleiras, barreiras de seguranza e sinalización. Desde a asociación propoñen trasladar o parque infantil ás inmediacións da pista cuberta e crear tamén alí un parque biosaudábel. Por outra parte, demandan que a antiga estación preste servizo á veciñanza e que se realice un proxecto para dala a coñecer e favorecer un novo espazo de encontro.

Na xuntanza trataron tamén os incumprimentos do Pacto polo Rural, asinado por todos os partidos políticos, no relativo a conseguir investimentos para dotar das redes de saneamento e abastecemento de auga, recollida selectiva de residuos e mellora de iluminación pública.

Ademais, o BNG demandará que a Vía Verde, cuxo proxecto xa se está a desenvolver con éxito noutras localidades da comarca, se inclúa na nova convocatoria do IDAE para conseguir os fondos económicos para acometer esta obra por parte do Goberno municipal.

Comentarios
Lo más