As denuncias e as vítimas por violencia machista aumentan un 10 % no segundo trimestre do ano
Entre abril e xuño solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller e os de garda 633 ordes de protección, das que se concederon o 68,5 %
Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.649 denuncias por violencia de xénero, un 10,4 % máis que no mesmo período do ano pasado, cando se presentaron 1.493. A gran maioría das denuncias (1.384) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Incrementou tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2020 contabilizáronse 1.493, fronte ás 1.636 deste ano nas mesmas datas, o que supón un aumento do 9,6 %. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) situouse en Galicia en 11,7, por baixo da media estatal, que foi de 16,6.
Para analizar os datos hai que ter en conta a incidencia da crise da COVID-19 na Administración de Xustiza, sobre todo no período analizado, o máis afectado pola declaración do estado de alarma. De feito, se a comparativa a realizamos co segundo trimestre de 2019, as cifras sitúanse en niveis similares. O ano previo á pandemia, entre abril e xuño, presentáronse 1.607 denuncias, un 2,6 % menos que este ano, e contabilizáronse 1.545 vítimas, un 6 % menos.
O número de sentenzas ditadas no segundo trimestre deste ano cuadriplicou ao do mesmo período de 2020. Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron 606 sentenzas entre abril e xuño de 2021, un 286 % máis que no segundo trimestre de 2020, cando se ditaron 157. O 77,5 % do total dos fallos foron condenatorios.
Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia mantéñense os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. No segundo trimestre de 2021 optaron por esta opción 108 mulleres, o 6,5 % das vítimas, practicamente as mesmas que en 2020, cando o fixeron 104.
Durante o segundo trimestre deste ano solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller e os xulgados de garda 633 ordes de protección, case as mesmas que hai un ano, cando se demandaron 617. Delas, foron acordadas 434 (o 68,5 %), un 8 % máis que no mesmo trimestre de 2020. Desas 633 ordes de protección, 525 foron solicitadas ante os xulgados de violencia sobre a muller. No 41,8 % dos casos, a vítima mantiña unha exrelación afectiva co agresor (o seu cónxuxe ou parella) no momento de solicitar a orde de protección.
Ademais, en entre abril e xuño de 2021 os xulgados de menores axuizaron a unha persoa por delitos relacionados con violencia sobre a muller, mentres que o ano pasado no mesmo período foron xulgados tres menores.