miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O ciclo 'O país das bandas' ofrece cinco concertos en Santiago e a súa área esta fin de semana

O ciclo 'O país das bandas' ofrece cinco concertos en Santiago e a súa área esta fin de semana
Imaxe de arquivo
O ciclo 'O país das bandas' ofrece cinco concertos en Santiago e a súa área esta fin de semana

O sábado haberá actuacións en Compostela, Brión e na Baña con formacións procedentes da Estrada, de Arteixo e de Brión

Os concellos de Santiago de Compostela, Brión, A Baña, Ames e Santiso acollen esta fin de semana senllos concertos do ciclo O País das Bandas, promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22. As actuacións serán a cargo de bandas procedentes na súa meirande parte de localidades da contorna, como Brión, Negreira e Teo, xunto coa Estrada e Arteixo.

Así, a Praza das Praterías converterase en escenario o sábado ás 19.30 para a Banda de Música Municipal da Estrada, fundada en 1869. Baixo a batuta de Santiago Mella García, esta formación interpretará Bagaxes, La leyenda del beso, Charles Chaplin e Fantasía sobre tres temas galegos. Soarán tamén La boda de Luis Alonso, A xota de Nicolás e A muiñeira da forxa.

Nesa mesma xornada, ás 12,00 horas, a Banda de Música Santiago de Arteixo estará en Brión co repertorio Paquita y Nieves, Rapsodia gallega Nº 1 e La ruta del Cid, The phantom of the opera, Cantigas de Orense, Santa Comba e Maruxiña completan as pezas previstas. Esta agrupación naceu no ano 2000 da man de José Manuel Bouzas Suárez e conta con banda xuvenil desde 2012. Dirixida por Alejandro Vázquez, na actualidade suma arredor de 50 membros.

Ás 18,00 horas será a quenda da Banda de Música Municipal de Brión, no concello da Baña. O programa previsto inclúe as pezas Bellas Artes, Moment for Morricone, Muiñeira dos pendellos e Springtime. Soarán tamén Guardians of the Galaxi, Volvoreta e Medley Boleros, así como Santos Bartolomé e Maruxiña.

A Banda de Música Municipal de Brión comeza a súa andaina en 1997 da man de Ricardo Noia Vidal, continuando o labor desenvolvido pola desaparecida Banda de Música Luaña. Formada principalmente polo alumnado da Escola de Música do Concello, na actualidade está dirixida por Jorge Rey Barca.

Concertos en Ames e Santiso

Xa o domingo, o ciclo chega á Praza da Maía, en Bertamiráns, ás 13.00, coa Banda Ateneo Musical de Negreira, creada en 1998 da man do director da Escola Municipal dese concello, Vicente Martín. Dirixida por Raúl Martín, na actualidade suma uns 30 músicos que interpretarán Enrique López, Highlights from chess, The ghost ship e Vals da Balouta.

Soarán tamén Noites de lúa na praia, Troulada, Namoriqueira e Muiñeira dos pendellos. Pouco máis tarde, ás 13,45 horas, arranca no lugar de Beigondo, en Santiso, a actuación da Banda de Música Cultural de Teo, creada en 1989. Baixo a batuta de Fran Fernández Pérez, soarán as pezas 21 contrabandistes, Fantasía sobre tres temas galegos e A carrapucheiriña. A Santiago vou, La morena de mi copla, Muiñeira da forxa, Churrusqueira, Tío Caniyitas, Felipe Gómez e A Pepa completan o repertorio.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 30 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a sú colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.

Comentarios
Lo más