Este venres concerto da Real Filharmonía co grupo africano Trio da Kali
Trátase dunha coprodución de maré 21 coa radiotelevisión norueguesa e o festival Oslo World.
| A agrupación de música de MalÍ, Trio Da Kali, reunirase coa Real Filharmonía de Galicia nunha asombrosa colaboración inédita, que terá lugar o venres, 24 de setembro, ás 21 h no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, dentro da programación de maré 21, unha das estreas mundiais programadas polo festival. Así o explicou o promotor de maré 21, Vítor Belho, no acto de presentación deste evento único, acompañado do Trio da Kali e o director da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, a quen Belho agradeceu que aceptara o reto de abordar uns arranxos inéditos en pouco tempo.
No seu encontro coa Real Filharmonía de Galicia, Trio da Kali interpretarán a música da súa colaboración de éxito co prestixioso cuarteto de corda Kronos Quartet, publicada en 2017 baixo o título Ladilikan. O director da RFG, Paul Daniel, afirmou que «traer estas dúas músicas clásicas e unilas é unha oportunidade fantástica. Non me gustan as orquestras pechadas, temos que abrirnos a novos mundos, ensaiar cousas novas». Daniel adiantou que no escenario haberá unha trintena de músicos, entre cordas, flautas, clarinetes e fagots, que acompañarán o Trio da Kali para facer brillar a súa música de tradición secular. «Estamos aquí para acompañar e aprender nova música clásica», dixo Daniel.
Neste sentido, o virtuoso do balafón e director musical do grupo, Lassana Diabate, explicou que as súas cancións veñen dos S. XII e XIII, que se foron transmitindo de forma oral sen chegar nunca a ser escritas. «A nosa misión é continuar con esta tradición, que estaba en vías de desaparición, con toques propios e arranxos modernos que fomos incorporando». |