miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A área de Santiago e Barbanza publica unha guía para afrontar o coidado de familiares con demencias

A área de Santiago e Barbanza publica unha guía para afrontar o coidado de familiares con demencias
A área de Santiago e Barbanza publica unha guía para afrontar o coidado de familiares con demencias



   Realizada polo grupo hospitalario interdisciplinar de apoio ao coidador, da Unidade de Neuroloxía Cognitiva




A xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, súmase á celebración do Día Mundial do Alzheimer e presenta a Guía de Apoio ao coidador de doentes con Demencias. Unha visión positiva, realizada polo Grupo Hospitalario Interdisciplinar de Apoio ao Coidador, da Unidade de Neuroloxía Cognitiva, do Servizo de Neuroloxía.

A guía está especialmente dirixida a coidadores de pacientes con demencias e o seu principal obxectivo é trasladar ás familias os beneficios que pode reportar exercer os labores de coidado. “Trátase dunha acción que marca o compromiso do hospital cos coidadores e pretende dar visibilidade ao seu labor”, subliña José Manuel Aldrey, responsable da Unidade de Neuroloxía Cognitiva, e engade que busca “redescubrir aos coidadores o privilexio de coidar e os efectos beneficiosos que pode ter afrontar adecuadamente esta tarefa”.

Ao longo das súas 50 páxinas e nunha linguaxe sinxela e accesible, as familias poderán ter unha visión moi ilustrativa dos diferentes tipos de demencia, consellos para afrontar o coidado de maneira positiva, as ganancias e experiencias vinculadas ao coidado que poden resultar satisfactorias, ou a importancia do autocoidado. En definitiva, unha ferramenta de consulta que xorde froito dunha necesidade detectada entre as familias á que o Servizo de Neuroloxía quixo dar cobertura e que puido ver a luz grazas ao apoio da Fundación Paideia Galicia quen, a través dun convenio, financiou a edición do caderno.

A publicación entregarase de maneira gratuíta aos coidadores de pacientes que acudan á consulta, o cal fai posible que preto de 2.000 familias se vexan beneficiadas. A través desta acción preténdese dar voz e visibilidade a un colectivo que realiza un importante labor no coidado dos enfermos, en moitas ocasións a porta pechada e que, a medida que a enfermidade progresa, van asumindo novas responsabilidades. Estar preto deles e darlles a posibilidade de establecer unha relación máis próxima cos facultativos é un dos retos aos que se enfronta o Grupo.


Os coidadores, pacientes ocultos

O coidado dun enfermo con demencia recae fundamentalmente na familia. Debido ás características e sintomatoloxía que presenta a enfermidade, os coidadores a miúdo experimentan sentimentos de frustración e sobrecarga, apatía e tristeza que leva, en ocasións, a unha deterioración da calidade de vida e a saúde. O Hospital Clínico de Santiago, dentro dos seus obxectivos de humanización da asistencia sanitaria, proponse prestar especial atención a este colectivo implementando accións que contribúan a mellorar o eixo coidador-coidado, escoitando ás familias afectadas, e tratando de que afronten o proceso dunha maneira positiva, serena e natural. “Trátase dunha clara aposta pola abordaxe integral dos casos, desde o propio paciente ata a súa familia”, destaca Aldrey, ao tempo que destaca que a “falta de información, descoñecemento da patoloxía, problemas para xestionar o coidado e mesmo tensións dentro da estrutura familiar, entre outras”, configuran o escenario habitual neste colectivo, polo que requiren de abordaxes diferentes.


Constituído hai pouco máis dun ano, xa prestou soporte a diferentes familias e editou pílulas formativas na Escola E-Saúde encamiñadas a mellorar o coñecemento e habilidades no desempeño das tarefas, xa que a implementación de pautas de coidado adecuadas vai reverter directamente na saúde do paciente retardando a súa deterioración. A Guía súmase a estas accións, ás que se pretende dar continuidade nos próximos meses


Grupo Hospitalario Interdisciplinar de Apoio ao Coidador

O Grupo nace por mor dun estudo realizado no Servizo de Neuroloxía, no cal se detectaron diferentes necesidades das familias coidadoras. Está integrado por diferentes profesionais, entre eles, José Manuel Aldrey, coordinador da Unidade de Neuroloxía Cognitiva, Juan Manuel Pías Peleteiro, neurólogo e Ana Díaz Cortés, socióloga, que ademais son os autores da guía. Á fronte do grupo está José Mª Prieto González, xefe de servizo de Neuroloxía.


Prevención

Desde o Grupo lembran que, xa que aínda non existe un tratamento curativo eficaz, aconséllase insistir na prevención: control de factores de risco vascular (diabete, HTA, colesterol), exercicio físico, dieta variada, estimulación cognitiva, manter relacións sociais o máis intensas posible, reducir consumo de alcohol e tratar a depresión. Cada ano, na Unidade de Neuroloxía Cognitiva, vense unhas 800 primeiras consultas de pacientes por sospeita de demencia na área sanitaria compostelá.

Comentarios
Lo más