O Concello de Santiago, seleccionado como finalista aos Premios Europeos de Adquisición de Innovación 2021 polo proxecto Smartiago
O proxecto Smartiago vén de ser seleccionado como un dos finalistas dos Premios Europeos de Adquisición da Innovación (EUIPA) 2021. Estes premios, outorgados polo programa Horizon Europe, co apoio do Consello Europeo de Innovación, recoñecen os casos máis destacados en toda Europa de promoción da adquisición de innovación por parte de compradores públicos e privados, destacando ademais a colaboración entre comprador (neste caso, o Concello de Santiago) e os provedores de innovación para levar as solucións innovadoras ao mercado.
Os EUIPA están divididos en tres categorías: Estratexia de adquisicións de innovación, Enfrontando desafíos sociais e unha terceira categoría de Liderado nas adquisicións. O proxecto Smartiago postulouse na primeira delas, Estratexia de adquisicións de innovación, a que conta con máis finalistas, un total de 6. Ademais do proxecto Smartiago do Concello de Santiago, foron seleccionados como finalistas, por orde alfabética: o proxecto francés INNOSPRINT DIH, o galego INNO-AHA SERGAS, o polaco NCBR-IS, o tamén francés INNOVATION RESAH e o holandés WBL PCP y PPI. So foron seleccionados dous proxectos españois. Un deles é Smartiago.
O proxecto Smartiago nace froito da colaboración entre o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (agora, Ministerio de Ciencia e Innovación) para contribuír á mellora dos servizos públicos para a cidadanía impulsando o desenvolvemento de proxectos singulares de innovación tecnolóxica.
A consecución destes obxectivos realizarase a través do fomento da innovación empresarial, mediante a selección das actuación e proxectos relacionados coa resolución de retos de sustentabilidade e mellora da eficiencia en prestación de servizos públicos de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mobilidade e iluminación pública a nivel local. Así, o proxecto Smartiago artéllase en tres retos para tentar acadar estes obxectivos:
Reto 1: Mobilidade intelixente e sostible
Reto 2: Xestión sostible e intelixente de RSU
Reto 3: Iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.
Outro dos fins de Smartiago é implicar nestes obxectivos a axentes do sistema de I+D+i local, rexional e nacional. Mostra de isto é a alta participación acadada ata o de agora nos diferentes fitos do proxecto. O proxecto permitirá situarse tecnoloxicamente nun campo novo a empresas con gran capacidade tecnolóxica, á Universidade e aos Centros de I+D+i do ecosistema local, todo acometendo novos retos en liña cos obxectivos FEDER 2014-2020.
O proxecto Smartiago pretende lograr, despois do desenvolvemento das tecnoloxías que se leven a cabo, un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes, encamiñadas a converter a Santiago de Compostela na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación de I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio, de maneira que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornas nas que o patrimonio histórico sexa un atributo distintivo.
A contratación de innovación moderniza o sector público con solucións máis baratas e de maior calidade. Estas prácticas contribúen directamente á competitividade da UE, ao abrir unha ruta ao mercado para novos xogadores, especialmente as pemes. Tamén axudan ás empresas máis grandes a levar produtos innovadores ao mercado, estimulando o crecemento empresarial transfronteirizo e a creación de emprego. A contratación por innovación tamén serve para atender as necesidades máis acuciantes da sociedade.
Próximos pasos
No mes de outubro cada un dos semifinalistas será invitado a unha audiencia privada, que se realizará de xeito telemático, cos membros do xurado. Estas audiencias, cun procedemento moi estricto, permitirán presentar a candidatura de Smartiago e resolver as dúbidas do xurado relacionadas cos criterios de adxudicación establecidos.
Tras as deliveracións do xurado, seleccionarase un gañador e un finalista por categoría, que se anunciarán no Cumio do Consello Europeo de Innovación, os vindeiros 24 e 25 de novembro de 2021. Ademais do recoñecemento de ser finalista destes premios, os gañadores de cada categoría recibirán 75.000 euros e cada un dos finalistas, 25.000.
Ademais, todos os semifinalistas pasarán a formar parte dun grupo de compradores pioneiros para compartir a súa experiencia e obter inspiración das dos outros compradores, para o intercambio de boas prácticas, iniciativas, ideas e innovacións.
Cofinanciamento FEDER
O proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de colaboración da Línea FID (Fomento de la Innovación desde la Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.
Tamén está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.