Santiago rexistrou 60 sancións por festas este xoves, pero Bugallo destacou que "ningún incidente relevante"
Tras o arranque do curso escolar de infantil e primaria e da chegada do colectivo universitario, o alcalde de Santiago destacou "a normalidade" coa que se desenvolveu a semana na cidade.
Xosé Sánchez Bugallo quixo facer mención especial á noite do xoves ao venres, na que houbo "preto de mil mozos e mozas" polas rúas da cidade. A Policía local tramitou máis de 60 propostas de sanción e realizou varias intervencións para dispersar concentracións de persoas ás portas de varios locais de ocio nocturno, aínda que "sen incidentes relevantes". Tamén deixou claro o rexedor que houbo "un rigoroso cumprimento dos aforos por parte destes locais".
Unha vez máis, chamou á prudencia e á responsabilidade no cumprimento das medidas anti-covid, "pois o da xente nova é o colectivo coa menor porcentaxe de vacinación". Salientou que "a nosa taxa de casos activos está por debaixo de 150, que marca o límite entre o nivel medio e o alto, polo que estamos cun nivel medio consolidado, camiñando cara ao baixo". Sánchez Bugallo agarda que a tendencia se manteña e que, como consecuencia, os sectores da hostalería e o turismo "sigan funcionando con normalidade". A este respecto, cualificou os datos de ocupación hoteleira de agosto de "extraordinariamente positivos".Sobre a ampliación do horario nocturno, Sánchez Bugallo pensa que “agravaría o problema”. “Creo que neste momento o horario nocturno está ben, e non hai garantía de que a ampliación de horarios diminúa a afluencia de persoas”. E insiste en que a hostalería está cumprindo en tema de aforos: “precisamente parte do problema que temos nas rúas e porque unha vez completado o aforo, non se permite a entrada de máis persoas. Intentaremos resolver este problema, pero non creando outro”.
Tamén destacou que non se rexistraron incidentes destacables, a pesares do millar de persoas que podía haber nas rúas, ás portas de distintos locais nocturnos, e a pesares das 63 propostas de sanción da Policía Local: dúas por fumar sen manter a distancia de seguridade, 26 no desaloxo dunha festa nun local privado, 20 por consumo de alcol na vía pública, tres por ouriñar na vía pública, outras tres por berrar e cantar na vía pública, e nove por ruidos en pisos.