Andaina reivindicativa contra un novo vertedoiro en Santiago
Veciños da parroquia de Fecha e arredores amosan a súa oposición ante a posible instalación dun vertedoiro na mina de Santa Cristina de Fecha
Ante a ameaza doutra mina que se pretende encher, e da posibilidade de que acabe por converterse nun vertedoiro coma o tan próximo e polémico de Miramontes, a Asociación medioambiental e cultural A Pedra que Fala organizou unha andaina reivindicativa.
Aproveitando as actividades culturais programadas por aCentral Folque, centro galego de música popular, a asociación presentouse publicamente convocando á veciñanza a participar, conseguindo unha afluencia maior da prevista de xente de todas as idades.
A andaina saíu de Lamascal en dirección a Vilar do Rei. A primeira parada foi A Pedra que Fala, unha imponente peneda con petroglifos da Idade de Bronce e de épocas posteriores. Unha estación rupestre con moito valor folclórico e simbólico para a xente da contorna.
Onde a pedra houbo unha charla de espeleoloxía e arqueoloxía na que se explicou a relevancia do enclave. Logo distribuíuse á xente para que puidera asistir a un espectáculo de poesía e son.
A continuación seguiu a andaina cara á segunda parada, o adro de San Xoán de Fecha. Alí o actor Quico Cadaval falou da vida e obra do músico de jazz John Coltrane, e o saxofonista Pablo Castaño interpretou varias pezas.
Membros da asociación sinalaron que contaban co apoio da veciñanza, pero non esperaban que acudise tanta xente “sendo o domingo no que remataba a volta ciclista e no que se celebraban as festas da Peregrina. Que se vexa que estamos comprometidos coa defensa do patrimonio natural e cultural”.
Na andaina tamén participaron representantes do Concello e dos principais grupos políticos locais, así coma FERUSA en representación de todo o rural de Compostela e a Plataforma contra o vertedoiro de Miramontes.