A Escola de Altos Estudos Musicais realizará probas para acceder ao curso de Especialización Instrumental, dirixido a estudantes de grao medio ou superior
Permite especializarse en violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, organiza unha nova edición do Curso de Especialización Instrumental 2021-2022. Esta iniciativa diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que desexen perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión.
O curso académico comeza no mes de novembro de 2021 e remata en xuño de 2022. Búscase o perfeccionamento instrumental da especialidade elixida, a través de 15 horas de clase individual repartidas ao longo do curso. Ademais, durante o ano organizaranse diferentes actividades de práctica de conxunto, sempre que a situación sanitaria o permita, co que os participantes terán a oportunidade de ofreceren concertos públicos. Os alumnos recibirán un diploma acreditativo dos seus estudos.
Debido a que non se cubriron todas as prazas na convocatoria de xuño, a Escola celebrará unha nova convocatoria para as especialidades de fagot, trompeta, viola, violín e violoncello. As solicitudes deberán presentarse ata o día 25 de outubro a través da páxina web -www.eaem.es-. Os interesados terán que xuntar o seu currículo, indicando o curso que están a realizar na actualidade, así como a relación de obras que cada un vai interpretar nas probas de selección. Darase prioridade aos aspirantes que non tivesen realizado estudos noutras edicións do Curso de Especialización Instrumental.
Probas de selección dos candidatos
As probas de selección das diferentes especialidades terán lugar o 30 de outubro na sede da Escola de Altos Estudos Musicais. O centro disporá de pianistas acompañantes para quen o solicite no boletín de inscrición. Aqueles candidatos que non consigan praza pasarán a integrar unha lista de espera.