A plataforma Casalonga Limpa pide o amparo do Goberno Central
O delegado do goberno asegurou que xa se están a tomar medidas de cara a futuras accións dende o goberno do estado.
O pasado venres a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos mantivo unha reunión co delegado do goberno en Galicia, José Manuel Miñones Conde, para insistir na necesidade de modificacións lexislativas que amparen á cidadanía contra os atopelos que se están dando coma no caso da Casalonga.
Tras expoñer a existencia dunha situación legal que fai que na actualidade as empresas de construción e xestión de residuos se impuxeran sobre as do sector mineiro na poxa polas máis de 500 canteiras abandonadas en Galicia para artellar os correspondentes plans de restauración segundo os seus propios intereses, solicitaron a modificación do decreto 975/2009 de rehabilitación de espazos mineiros para que inclúan aspectos como a existencia de distancias mínimas respecto a núcleos poboacionais e vivendas individuais, os motivos de exclusión contemplados pola "guía para la rehabilitación de huecos mineros" do Ministerio para a transición ecolóxica, a necesidade dun informe positivo do concello no que se localiza a explotación ou a limitación do tipo de residuos e o aumento de sancións en consonancia coa lei 40/2015 de réxime xurídico do sector público para que a comisión das infraccións tipificadas non resulte máis beneficiosa para o infractor que o cumplimiento das normas infrinxidas.
O delegado do goberno aseguroulles aos representantes da plataforma veciñal que o tema xa fora tratado co secretario de estado, Hugo Morán, e emprazounos a unha nova xuntanza con este nos vindeiros días. Segundo lles comunicou, xa hai un informe en marcha sobre a situación de cara ao emprendemento de novas accións por parte do goberno central
Novas accións para visibilizar a situación da Casalonga.
A xente da Casalonga aproveitou tamén o paso da Volta Ciclista polos veciños concellos de Rois e Ames para facerse ver nas inmediacións do trazado da carreira con camisetas impresas co logo da plataforma veciñal e paraugas nos que pintaron coas súas cores as mensaxes "Fóra Toysal" e "Vertedoiro non". Estas imaxes chegaron a ser emitidas na retransmisión oficial da carreira por parte de RTVE.