O blogueiro de viaxes Chavetas promociona Terras de Compostela como destino de calidade
O Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra, é a primeira parada dun percorrido polos concellos do GDR
O Sistema Integral de Calidade Turística en Destino é unha iniciativa da Secretaría de Estado de Turismo que ten como obxectivo último mellorar a experiencia e a satisfacción dos turistas que visitan un territorio. Para conseguilo é preciso traballar tanto sobre o propio destino como sobre os empresarios e os servizos relacionados co turismo. Esta aposta polo sistema SICTED do GDR-19 Asociación Terras de Compostela dá un paso máis ao contar cun dos blogueiros de viaxes máis recoñecidos de España para promocionar os dez municipios do GDR. Isaac Martín, autor do blog Chavetas, inicia hoxe no Pazo de San Cruz un percorrido polos municipios rurais de Terras de Compostela para dar a coñecer os seus encantos.
Ata o xoves, Isaac Martín, Paula Bello e a súa filla Oli van visitar Vedra, Boqueixón, Teo, Brión, Ames, Negreira, A Baña, Val do Dubra e Santa Comba para descubrirlle aos seus 20.000 seguidores de Instagram e aos 50.000 de Facebook os principais lugares de interese e atractivos deste territorio. Ademais da promoción nas súas redes sociais (que inclúen Youtube, Twitter e Tripadvisor), Isaac e Paula contarán a súa experiencia na súa web chavetas.es, que acaban de renovar integramente este verán, e que conta con máis de tres millóns de visitantes anuais.
Chavetas foi galardonado en Fitur 2015 como o mellor bitácora de viaxes e incluído entre os dez blogs de viaxes españois con máis tráfico en 2018 e 2019, segundo El País. É un dos integrantes da red líder en promoción turística en blogs e redes sociais Travel Inspirers.
Entrega de diplomas SICTED
Esta actuación de promoción dos municipios rurais Terras de Compostela (Santiago queda excluído desta campaña) completarase o vindeiro día 21 cun acto no que se entregarán os recoñecementos a unha vintena de profesionais que se levan formando dende 2019 no sistema de calidade SICTED, demostrando o seu compromiso coa calidade turística. Un acto que se vai celebrar no Pazo de Vista Alegre, en Vedra, e que contará tamén coa presenza de Isaac Martín, que lles falará aos asistentes como mellorar a comunicación para promocionar os seus establecementos nas redes sociais e en internet.
Isabel Covela, técnica do GDR-19, recorda que Terras de Compostela “foi o primeiro territorio rural da provincia da Coruña, e o segundo de Galicia, que en 2019 apostou decididamente polo proxecto SICTED para promocionar o turismo nos concellos rurais”, implicando a todos os sectores e profesionais que teñen relación cos visitantes, dende os taxistas, ata os centros de información ou policías locais, pasando polos hostaleiros e restauradores, explica.
O SICTED é un proxecto para a mellora da calidade turística promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con servizos turísticos de ata 36 oficios diferentes, co obxectivo último de acadar a plena satisfacción do turista que nos visita, para que se anime a repetir a experiencia.
“Trátase dunha metodoloxía que proporciona un sistema integral e permanente de xestión da calidade no noso destino”, explica Isabel Covela. Dende 2019, unha vintena de profesionais do sector estanse formando co GDR “para mellorar o seu sistema de calidade a nivel individual, pero, ademais, hai un traballo en común que beneficia a todo o territorio”, engade.
Esta formación continua conta cun sistema de avaliación cada dous anos, que o GDR-19 comezou en 2019. No acto do vindeiro día 21 recibirán o seu recoñecemento a este traballo para mellorar a calidade en destino representantes de hoteis, casas de turismo rural, apartamentos turísticos, albergues, restaurantes, axencias de viaxes, artesáns, empresas de turismo activo, taxistas e empresarios que apostan polo turismo industrial.