miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Rematan as obras de acondicionamento do parque verde central do Milladoiro

Rematan as obras de acondicionamento do parque verde central do Milladoiro
Rematan as obras de acondicionamento do parque verde central do Milladoiro

O alcalde, Blas García, e a concelleira Susana Señorís visitan as obras do parque que se atopa xunto á zona de instalacións deportivas, Casa da Cultura e IES. Este proxecto, que se enmarca dentro da EDUSI Impulsa Ames e é cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no  marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, ten como principal obxectivo dotar dunha zona verde O Milladoiro, o núcleo máis grande do Concello.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se integran neste plan é o parque verde central do Milladoiro. Este proxecto foi adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 130.706 euros.

Tras meses de execución, o parque abriu as súas portas. O alcalde de Ames, Blas García, acompañado da concelleira, Susana Señorís, e da arquitecta municipal, Marta Bellas, visitou o parque verde central para coñecer o resultado final dos traballos levados a cabo e valorar a súa execución.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “abrir esta zona verde, que xa existía pero estaba moi descoidada, é moi importante para os e as veciñas do Milladoiro porque cobre unha das demandas históricas que é a de contar con espazos verdes, de paseo e ocio. Esperamos que sexa a primeira de outras zonas que se abran no Milladoiro para que a poidan desfrutar a xente de aquí e doutros lugares”.

Ademais, Blas García engadiu que: “aquí fíxose unha actuación importante con fondos europeos, valorada en máis de 100.000 euros. Seguiremos a traballar para que este espazo verde se consolide como o lugar do Milladoiro onde as persoas maiores e a mocidade desfrute das súas tardes de lecer”.

A concelleira Susana Señorís salientou: "creemos que vai ser unha zona de esparexemento, tanto para as crianzas como para maiores. Está moi preto de zonas de ocio como as piscinas municipais, a Casa da Cultura ou o pavillón. Ademais, esta zona vai servir de enlace coa de nova expansión do Milladoiro e creemos que este será un novo espazo de desfrute para todas as persoas, sobre todo, para a mocidade, que neste Concello somos moitos. Agardamos que sexa para todos e todas un sitio moi agradable”.

Novidades nas zonas verdes do Milladoiro
O obxectivo deste proxecto é gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e áreas de xogo nunha superficie de 12.000 metros cadrados de extensión.

Deste xeito, creouse medio quilómetro de novas sendas peonís; acondicionáronse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalouse un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias; 2 mesas de tenis de mesa; un novo mobiliario urbano (8 bancos e mesas), 14 papeleiras e 2 fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantou nova vexetación, 35 carballos, 9 abeleiras e enredadeiras en 9.500 metros cadrados.

Ademais, acondicionouse o espazo verde da zona alta do Milladoiro que está conectado, a través dunhas escaleiras e unha rampla accesible, coa Travesía do Porto, que foi urbanizada en 2018 e na que se investiron 245.993 euros. Nesta mesma zona tamén se fixo unha rehabilitación das pistas polideportivas e das piscinas descubertas, construíuse un parque infantil accesible, instaláronse diferentes elementos biosaudables, e construíuse un anfiteatro e un parque de calistenia para á mocidade.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo  de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Concretamente, está incluído no Obxectivo Temático 6 da  EDUSI Impulsa Ames, orientado a «Preservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos» e enmárcase na liña de actuación “LA 8.  Programa para a revitalización e valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio”.

Comentarios
Lo más