Touriñán, Carlos Blanco, David Amor e Lucía Veiga chega este domingo a Santiago da man de ‘Comicamente’
Impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións, o proxecto súmase ás máis de 3.000 actividades programadas xa para este verán no marco do Xacobeo 21-22 co obxectivo de reactivar o sector cultural
O novo ciclo Comicamente, impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións co apoio da Xunta, chega este domingo a Santiago de Compostela con Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, David Amor e Lucía Veiga. A disc-jóckey compostelá Russinha porá a música en directo. A Cidade da Cultura acollerá dous pases das actuacións, un ás 19,00 e outro ás 22,00 horas, para os que xa están esgotadas as entradas.
O obxectivo é levar o humor galego a 12 concellos da Comunidade ata mediados de setembro. O proxecto, enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, súmase ás iniciativas postas en marcha pola Xunta co obxectivo de contribuír á reactivación do sector cultural.
Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, Luis Piedrahita, xunto a Lucía Veiga, lideran o ciclo, que conta coa participación doutros referentes do humor galego, como David Amor, Oswaldo Digón, Marta Doviro, Marita Martínez, Carmen Méndez, David Perdomo, Celso Sanmartín, Ledicia Sola e Pepo Suevos.
Comicamente arrincou a finais de xullo no Carballiño e ademais de Santiago, inclúe no seu percorrido Vilargarcía de Arousa, Sanxenxo, Ourense, Mondoñedo, Ferrol, Nigrán, Pontevedra, A Coruña, Lugo e Lalín. Todos os espectáculos serán en emprazamentos ao aire libre e cunhas moi coidadas postas en escena.
Así, a vindeira fin de semana será a quenda de Lugo, tamén con Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, David Amor e Lucía Veiga, e a de Ourense, onde se lles unirá Pepo Suevos.