Segue o sol pero baixa o termómetro
As temperaturas en Santiago oscilarán entre os 15 e os 25 graos
O sábado Galicia queda nunha zona de transición entre as altas presións situadas ao norte das Illas Británicas e as borrascas atlánticas. Así, agárdase unha xornada que comezará cos ceos moi nubrados, retirándose progresivamente as nubes co avance da xornada; pola tarde formaranse nubes de evolución no interior, que poderán deixar algunha treboada illada. Néboas costeiras no litoral atlántico. As temperaturas sufrirán un descenso, máis acusado nas máximas. O vento soprará frouxo de dirección variable, agás no extremo norte onde continuará o nordés.
En Santiago agárdase a curto prazo unha alternancia de ceos con nubes e claros con momentos pouco anubrados ou despexados. En canto ás temperaturas, serán normais para este período, con valores que en xeral se manterán sen cambios.