O PP preguntará polos prazos e a ausencia de coordinación na rehabilitación da pontes de Vidán e A Rocha Vella
O contrato para as obras da ponte vella, entre Vidán e Amañecida, formalizouse en outubro de 2020, cun prazo de 5 meses, polo que a as obras deberían ter rematado antes de abril de 2021, aínda que os traballos se iniciaron en maio deste ano.
O Grupo Municipal Popular vai presentar unha iniciativa no Pleno municipal de setembro para coñecer os motivos polos que se están a incumprir os prazos fixados para as obras da ponte vella sobre o río Sar que conecta os lugares de Vidán e a Amañecida. Estas obras, realizadas ao abeiro do Plan Único da Deputación para o ano 2018 foron licitadas en xuño de 2020 e adxudicadas en outubro, cun prazo de 5 meses, polo que o seu remate debería producirse en abril de 2021, sen que conste ningunha autorización para a ampliación de prazo. Entre tanto, as obras iniciáronse de forma efectiva aínda en maio de 2021, sete meses despois da formalización do contrato coa empresa adxudicataria. A pesar dese evidente retraso, nunha recente visita ás obras, o concelleiro do Medio Rural -que acompañaba ao alcalde- declaraba que “en setembro ou outubro XA estarán rematadas as obras”.
Por outra parte, o contrato para as obras de rehabilitación da ponte vella de Arriba na Rocha, mediante a que o camiño portugués salva o río Sar, foi adxudicado e formalizado en xuño de 2021, apenas un mes despois do inicio dos traballos da outra ponte que, augas abaixo, supera o curso do Sar para conectar os lugares de Vidán e a Amañecida.
Tendo en conta que cada unha das propostas de adxudicación corresponde a unha concellería diferente (no caso da de Vidán á do Medio Rural e a da Rocha á de Obras), o Grupo Municipal Popular solicitará explicacións sobre os criterios para asignar estas dúas pontes a dous departamentos diferentes, a ausencia de coordinación destas traballos para impedir o peche simultáneo das dúas pontes, as causas do incumprimento dos prazos da ponte vella de Vidán e as previsións para o remate dos traballos nas dúas pontes que están a causas graves molestias e prexuízos á veciñanza máis inmediata e ás moitas persoas que a diario viñan empregando estes dous pasos sobre o río Sar.