CA e BNG urxen a convocatoria das axudas de cooperación ao desenvolvemento
Os dous grupos coinciden en denunciar a xestión por parte do goberno de Bugallo
O BNG trasladará ao Pleno de setembro unha iniciativa para que o Goberno local active con urxencia a convocatoria de axudas en materia de cooperación ao desenvolvemento.
De non facelo, o Goberno local estaría incumprindo por terceiro ano consecutivo cos seus compromisos coa cooperación ao desenvolvemento e a loita contra a pobreza. explicou Goretti Sanmartín. “Desde o BNG, reclamamos que neste contexto, cando a pandemia da covid-19 e as distintas crises humanitarias están a agravar a situación de vulnerabilidade que viven millóns de persoas en todo o mundo, o Concello de Santiago plasme o seu compromiso na loita contra a pobreza e as desigualdades globais e cumpra co chamado internacional para reforzar a solidariedade cos países empobrecidos”, afirmou.
O BNG lembra que desde que Sánchez Bugallo entrou na Alcaldía non se realizou a convocatoria pública para o financiamento de proxectos de cooperación, cando se incluíron 120.000 euros nos Orzamentos de 2019 e de 2020 e que logo non se executaron. En 2021, o Concello incrementou esta partida a 220.000 euros destinada á cooperación ao desenvolvemento, como medida compensatoria fronte a situación provocada pola covid-19 e ante a falta de capacidade do Goberno municipal de publicar esta convocatoria de axudas en anos anteriores.
“No BNG recibimos queixas e a preocupación das ONGD de Compostela de que, a estas alturas do ano e ante a falta de novas, esta convocatoria de axudas non chegue a publicarse por terceiro ano consecutivo, cando temos unha responsabilidade histórica para defender os dereitos humanos na procura da igualdade”, advertiu.
A isto súmase o feito de que desde a chegada ao Goberno local do PSOE non se volveu convocar o Consello Municipal de Cooperación, o espazo de participación cidadá que conta con representantes dos distintos grupos políticos municipais e de axentes de cooperación como as ONGD, a Universidade de Santiago e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que ten por obxectivo potenciar a política pública de cooperación local. Este, entre outros consellos de participación que tamén deberían convocarse, de maneira especial o de Educación ás portas dun novo curso académico e con compromisos sen cumprir.
Entre os labores que realizan estas ONGD están corrixir as desigualdades e atender necesidades básicas das persoas máis vulnerábeis en canto a garantir o dereito á saúde, á educación e á auga limpa, o dereito a unha vida digna e sen violencias para todas as persoas. Ademais, tecen lazos de solidariedade entre países e comunidades, atenden colectivos oprimidos e invisibilizados como as mulleres, as nenas, os pobos orixinarios, persoas refuxiadas e migrantes, colectivo LGBTI+, persoas activistas ameazadas e perseguidas nos países máis empobrecidos do planeta.
Pola súa parte, Compostela Aberta denunciou que o Goberno local segue sen aprobar a convocatoria das axudas de Cooperación ao Desenvolvemento, creadas durante o pasado mandato e que o PSOE deixou esquecidas tanto en 2019 como en 2020. Para o grupo municipal de CA existe un serio risco de que un ano máis non se entreguen esas subvencións, para as que este ano se prevía un orzamento de 220.000 euros. Compostela Aberta lamentou hoxe “o escaso compromiso social do Goberno do PSOE, que no que levamos de mandato non foi quen de convocar nin unha soa vez as axudas de Cooperación ao Desenvolvemento, malia incluílas nos seus orzamentos municipais”.
O grupo municipal de CA sinalou que “existe unha grande preocupación na Coordinadora Galega de ONGD, que ve como a piques de empezar o mes de setembro nada se sabe desa convocatoria, unha preocupación que vén xustificada polos precedentes dos dous anos anteriores sen que se chegaran a convocar as subvencións”.
A portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, lembrou que e n 2020 “CA tamén denunciara a pasividade do Goberno nesta materia, e levara un rogo ao Pleno de outubro reclamando que se iniciara o proceso para entregar esas axudas”. Naquela altura, explicou, o concelleiro Sindo Guinarte “xustificara o atraso na complexidade da convocatoria, e tamén chegara a asegurar na sesión plenaria que a propia Coordinadora Galega de ONGD tiña dúbidas sobre a posibilidade de desenvolver os proxectos potecialmente subvencionables por mor da pandemia da Covid, un extremo que foi negado pola entidade”.
Marta Lois lamentaron que “por terceiro ano consecutivo o Goberno non atopara ainda a fórmula para facer unha convocatoria que sí fixo en dúas anualidades o Goberno de Compostela Aberta, e que permitiu que o Concello de Santiago colaborara en diferentes proxectos en países como India, Guatemala ou Salvador, desenvolvidos por ONGs de recoñecidas traxectorias como Manos Unidas, Asemblea de Cooperación pola Paz ou a Fundación Vicente Ferrer. As axudas de Cooperación ao Desenvolvemento foron creadas polo Goberno de Compostela Aberta en 2017, e en 2018 destinouse a estas subvencións unha partida de 120.000 euros. Deste xeito, o Goberno de CA pretendía cumprir o compromiso asinado en 1999 polo que se aprobaba destinar o 0.7% do orzamento municipal para Cooperación ao Desenvolvemento.