miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Cita dobre no Pico Sacro de Boqueixón este fin de semana

Cita dobre no Pico Sacro de Boqueixón este fin de semana
Cita dobre no Pico Sacro de Boqueixón este fin de semana

Continúa o ciclo “Mes e Pico” en Boqueixón.

Esta fin de semana son dúas as actividades programadas. Por unha banda, a conferencia Xeoastronomía da antiga Gallaecia (medicións, datos e interpretacións): Santiago e o Pico Sagro no “tempo dos mouros” será impartida polo Licenciado en Bioloxía e Máster na Arquitectura da Paisaxe, docente e investigador, Antón Bouzas Sierra, este sábado 21 de agosto, ás 20:00 horas na capela de San Sebastián.

Ao día seguinte, o domingo 22 de agosto ás 11 horas na Igrexa de San Lourenzo da Granxa, terá lugar a primeira das tres saídas programadas: unha ruta arqueolóxica polo Pico Sacro e a súa contorna. Será da man da arqueóloga e antropóloga, Ana Isabel Filgueiras Rei, que traballa no Plan Integral de recuperación e dinamización do patrimonio material e inmaterial do Pico Sacro. O itinerario percorrerá lugares do cristianismo primitivo como San Sebastián do Pico Sacro, San Lourenzo da Granxa, fortaleza, mámoas na contorna do Pico, mosteiro medieval...

As próximas citas de “Mes e Pico”, desenvolveranse en setembro. Inclúen as visitas teatrais no cumio do monte sagrado, pola compañía Os Quinquilláns; e a exposición itinerante “O Pico Sacro no Códice Calixtino”, que estará no centro de interpretación do Río Ulla de Touro (do 13 ao 19 de setembro) e na casa das Artes de Vedra (do 20 ao 26 de setembro).

Finalmente, o sábado 25 de setembro, ás 20:00 horas na capela de San Sebastián, celebrarase o peche do ciclo a cargo do historiador Martín Almagro-Gorbea, coa conferencia “A Raíña Lupa e o Monte Sacro”.

As actividades son gratuítas, aínda que o aforo está limitado e seguiranse todas as medidas de seguridade. As persoas interesadas en asistir, deben inscribirse previamente no correo boqueixonturismo@gmail.com ou no teléfono 981 513 061.

Comentarios
Lo más