Oroso organiza un cribado e anima a asistir aos xoves
O Concello de Oroso informa á veciñanza que este sábado, 21 de agosto, realizarase un cribado COVID-19 no municipio. En total, convocáronse 650 persoas a esta proba, incluídas nun rango de idade entre os 16 e os 24 anos.
O cribado realizarase entre as 9:30 e as 14:30 deste sábado, no centro de saúde de Oroso.
Estas probas masivas de COVID-19 programáronse a raíz dun brote de coronavirus relacionado coas festas de Ordes. Neste municipio e mais en Trazo tamén se convocaron cribados para detectar posibles contaxios.
O Concello de Oroso anima á mocidade do municipio a presentarse ao cribado, co obxectivo de localizar canto antes posibles casos positivos e frear a transmisión do virus. De antemán, o goberno local agradece a colaboración da cidadanía neste tipo de probas.
Por último, o Concello de Oroso prestará colaboración a Protección Civil para o correcto funcionamento do cribado.