Xan Campos presenta en Compostela ‘Realismo’, a súa orixinal visión do jazz sen límites
O concerto, que terá lugar o mércores 18, enmárcase dentro da programación do Feito a Man 2021
Xan Campos presenta este mércores 18, ás 20:00 horas, na rúa de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela, o seu último proxecto ‘Realismo’, un disco de jazz, con tintes de electrónica e influencias do pop, hip hop e rock, producido polo rapeiro e produtor Hevi (Malandrómeda, Fluzo), cos habituais Iago Fernández na batería e o contrabaixista Horacio García.
O disco agocha temas como ‘Espello de Auga’, un “palíndromo musical” que se pode reproducir cara adiante ou cara atrás e que soa exactamente igual, algo que chamou especialmente a atención entre a crítica e o público por ser un dos poucos exemplos de composicións deste tipo e pola beleza do tema, que a oídos inexpertos soa hipnótica sen saber a razón. O pasado ano a banda lanzou un vídeoclip de case 5 minutos para este tema que cumpre a mesma premisa, pode verse tanto do dereito como do revés.
Por outro lado, a directora compostelá Ivana Pardal puxo imaxe ao cuarto track do disco, “Amoria”, un videoclip cos actores galegos Fran Nogueira e Patricia Torres como protagonistas.
Xan Campos Trio, caracterizada polo seu estilo fresco e innovador, mistura as bases do jazz tradicional con multitude de xéneros e sons, obtendo un resultado tan atractivo como difícil de etiquetar. “Realismo” é o terceiro traballo deste trio, despois de “Orixe Cero”e “Ectropía”, recoñecidos pola súa orixinalidade e estilo propio dentro do universo do jazz.
O concerto forma parte da programación do festival Feito a Man 2021. As entradas custan 3€ e están á venda na Borriquita de Belem.