Santiago revisará o estado de muros para evitar sucesos como o de Bonaval no que morreu un home
A alcaldesa en funcións, Mercedes Rosón, deu conta en rolda de prensa dos asuntos aprobados na reunión ordinaria da Xunta de Goberno local, entre os que salienta o inicio do expediente de contratación da diagnose, reparacións urxente e plan de mantemento de muros tradicionais.
A Xunta de Goberno aprobou o expediente de diagnose, reparacións urxentes e plan de mantemento dos muros de carácter tradicional e acordou a apertura do procedemento de adxudicación, baixo a modalidade de procedemento aberto, establecéndose un tipo de licitación de 43.884,32 euros IVE aparte. O IVE correspondente (21% da cantidade anterior) ascende a 9.215,70 euros e o prazo de execución previsto é de tres meses.
O obxecto do contrato é a prestación do servizo para a diagnose, reparacións urxentes e plan de mantemento dos muros de carácter tradicional, tanto de titularidade pública como privada, con posibles afeccións sobre os espazos públicos da cidade de Santiago de Compostela. Con el preténdese cubrir a redacción dun documento técnico orientado a definir as seguintes tres fases:
Fase I: Catalogación dos muros e diagnoses do seu estado
Fase II: Planificación e predeseño das actuacións clasificadas como urxentes
Fase III: Plan de inspección, conservación e mantemento
Tamén no apartado de obras, aprobouse o proxecto de modificación do Centro de Transformación de compañía na Rúa da Codeseira de Vidán (SUNP20 Amanecida) e acordouse autorizar o inicio de trámites para proceder á recepción das obras recollidas no proxecto "Reconstrución de muro na rúa Costiña do Monte".
Servizos Sociais
No que respecta ao departamento de Servizos Sociais, deuse conta da sinatura de dous convenios: coa ASOCIACIÓN GALEGA PARA AXUDA DOS ENFERMOS CON DEMENCIA TIPO ALZHEIMER (AGADEA) para o financiamento do programa "GEA GRUPO DE ENVELLECEMENTO ACTIVO", por un importe de 3.000 euros; e con CRUZ ROJA ESPAÑOLA para o financiamento dos programas "TELEASISTENCIA E ATENCIÓN A PERSOAS SEN FOGAR", por un importe de 85.000 euros.