miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Inaugúrase un labirinto de millo como lugar de ocio na Torre, Cacheiras

Inaugúrase un labirinto de millo como lugar de ocio na Torre, Cacheiras
Inaugúrase un labirinto de millo como lugar de ocio na Torre, Cacheiras

A concelleira de Turismo, María López, inaugurou  un labirinto deseñado nunha finca labrada para que crianzas e maiores desfruten da entrañable sensación de perderse nun campo de millo. O obxectivo é que as persoas que o visiten gocen dunha actividade en contacto coa natureza e dunha xornada distinta perdéndose e buscando a saída entre mazarocas.

Mantense así a liña desta concellaría de programar actividades no medio natural nun momento no que estas teñen unha gran demanda entre a poboación ao realizárense en espazos exteriores e abertos, considerados seguros ante a situación sanitaria actual.

A leira de millo, un cultivo maioritario en Galicia pola súa utilización no sector agrario e gandeiro galego, representa unha homenaxe a todas estas persoas, coidadoras do sector primario e visibiliza que, ademais da utilización propiamente forraxeira desta planta, é tamén neste caso un espazo para o esparexemento, o xogo e o ocio de toda a poboación.

As persoas que se acheguen ao labirinto encontrarán unha parcela de arredor dunha hectárea plantada a millo, á que poderán acceder de forma libre e gratuíta, cunha entrada e carreiros intercomunicados no seu interior que levarán a unha única saída. A sensación de pasear polo seu interior e estar perdido podendo ver unicamente plantas de millo e o ceo é ben curiosa e impresionante.

Ademais, nas fins de semana, na entrada ao recinto, haberá servizo de cantina, máis concretamente os venres entre as 16 e as 20 h e sábados e domingos de 12 a 20 h. Tamén haberá, ao seu carón, unha zona habilitada para que as persoas poidan desfrutar dunha merenda campestre.

Igualmente, os xoves e venres de setembro haberá unha escape room como actividade complementaria, así como tamén está previsto que sirva de emprazamento para unha Festa de Apego durante o mes de setembro, actividades que se irán programando e anunciando na web municipal e redes sociais, tanto do Concello como da área de Turismo.

O labirinto de millo está situado nun espazo rural no lugar da Torre, na parroquia de Cacheiras, o que debe terse en conta para o acceso, localizando previamente esta instalación. Contará con baños públicos nas inmediacións. Entre as principais recomendacións para a súa utilización están que as crianzas deben manterse custodiadas en todo momento por responsables adultas e empregar os camiños habilitados para o paseo.

A concelleira de Turismo, María López, indica que "se trata dunha actividade turística de baixo impacto ambiental, que acollerá gratuitamente a todas as persoas que desexen desfrutar dunha xornada de lecer nun contorno natural". Así mesmo, tamén sinala que "foi creada coidando cada detalle e agardamos que a acollida sexa moi boa por parte de teenses e visitantes".

A localización concreta do labirinto de millo pode encontrarse a través da aplicación de Google Maps

Para máis información sobre o labirinto pode acceder á web de Turismo, ás RR.SS. de Turismo ou chamando ao teléfono 658 479 468.

Comentarios
Lo más