miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Arrinca unha nova edición do programa de envellecemento activo do Concello do Pino

Arrinca unha nova edición do programa de envellecemento activo do Concello do Pino
Arrinca unha nova edición do programa de envellecemento activo do Concello do Pino

De aquí a finais de ano desenvolveranse obradoiros de estimulación cognitiva, risoterapia, alfabetización dixital e bailoterapia

Con dúas excursións, a Cambados e á Coruña, iniciarase nas vindeiras semanas unha nova edición do programa de envellecemento activo co que o Concello do Pino busca promover a dinamización e a vida saudable entre as persoas maiores.

O programa, denominado ‘Actívate na nosa Terra’ e dirixido a persoas empadroadas no Pino maiores de 65 anos, aglutina saídas e obradoiros gratuítos coa fin de promover a autonomía persoal e a prevención da dependencia. Todas as actividades son gratuítas e os participantes só terían que pagar as comidas no caso das excursións.

Ata final de ano desenvolveranse un total de catro obradoiros, que terán entre un e tres meses de duración: Obradoiro de estimulación cognitiva, Obradoiro de risoterapia, Obradoiro de alfabetización dixital e Obradoiro de bailoterapia.

Tamén están previstas varias actividades culturais de lecer e tempo libre, entre as que se atopan visitas a Cambados, A Coruña, Ourense, a Ribeira Sacra, as Rías Baixas e ao Balenario de Cuntis. Ademais, haberá unha saída para ir ao cine ou ao teatro.

Primeiras excursións

A primera das excursións, a Cambados, realizarase o venres 27 de agosto e inclúe a visita a unha adega. As inscricións están abertas ata o luns 23.

Unha semana despois, o venres 3 de setembro, haberá outra viaxe á Coruña con visita ao casco histórico, o castelo de San Antón e a Torre de Hércules. O prazo para anotarse remata o luns 30 de agosto.

As persoas interesadas nas actividades poden inscribirse ou solicitar máis información chamando ao teléfono 981 511 002 entre as 9.00 e as 13.00 horas, e preguntando por María, a traballadora social.

No caso de quedar prazas vacantes, o programa estenderase ás persoas maiores de 60 anos e ás que teñen problemas de saúde.

Comentarios
Lo más