miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Xunta asigna preto de 1,4 M€ para intervir sobre tres áreas de rehabilitación integral de Santiago

A Xunta asigna preto de 1,4 M€ para intervir sobre tres áreas de rehabilitación integral de Santiago
A Xunta asigna preto de 1,4 M€ para intervir sobre tres áreas de rehabilitación integral de Santiago

Estes fondos poderán destinarse á concesión de axudas aos propietarios de vivendas e de edificios a rehabilitar así como ao propio concello

A Xunta de Galicia acaba de asignar preto de 1,4 millóns de euros a Santiago de Compostela para financiar distintos tipos de actuacións de recuperación e urbanización en tres das catro áreas de rehabilitación integral (ARIS) existentes no municipio.

Tras analizar todas as solicitudes recibidas e tendo en conta o cumprimento de obxectivos de cada concello nas convocatorias anteriores, o Goberno galego resolveu incluír a 22 entidades locais galegas no reparto dos 10,2 millóns de euros dispoñibles para 2021 no marco do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, cofinanciado polo Executivo autonómico e o estatal.

No caso da capital galega, Santiago poderá xestionar case 1,4 millóns de euros para poder intervir dentro das tres ARIS para as que solicitou financiamento con cargo á presente anualidade.

Unha vez resolta a convocatoria deste ano e notificados os beneficiarios, o seguinte paso será asinar convenios específicos con cada un dos 22 concellos seleccionados para que, a continuación, as propias Administracións locais procedan a convocar as correspondentes axudas, ás que poderán optar os propietarios das vivendas e edificios a rehabilitar dentro de cada ARI.

O importe máximo das subvencións dirixidas a particulares e comunidades de veciños é de 24.000 euros por vivenda, sen que poida superar o 50% do orzamento da actuación. En todo caso, poderá chegar ao 85% cando o solicitante teña ingresos inferiores a tres veces o IPREM e cando se acometan actuacións de mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia hai persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

Ademais, os concellos recibirán tamén subvencións para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da ARI, cun importe de ata 2.000 euros por cada vivenda rehabilitada.

A maiores, a Administración local contará con financiamento para sufragar os custos asociados á oficina municipal de rehabilitación —1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra existente—.

Comentarios
Lo más