O TSXG autoriza a Xunta a limitar o dereito de reunión para “defender a saúde pública”
O tribunal entende que as medidas “cumpren as esixencias de seren idóneas, necesarias e proporcionadas”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou as medidas restritivas de dereitos fundamentais contidas na orde do 4 de agosto de 2021 para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da
Covid-19 en Galicia. En concreto, autorizou limitar as reunións en interiores ata un máximo de seis persoas, e en exteriores a dez, nos espazos tanto públicos como privados dos 313 municipios galegos, así como a prohibición de encontros con persoas non conviventes entre as tres e as seis da madrugada para a maioría de concellos, e entre a unha e as seis para aqueles que se atopan nunha peor situación epidemiolóxica.A Sala considera que as medidas propostas pola Xunta “cumpren as esixencias de seren idóneas, necesarias e proporcionadas”, pois “responden a unha situación clara de incremento do virus e non teñen un impacto significativo no dereito de reunión, máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado en maior medida pola xente moza, máis proclive ao contacto social”.
Os maxistrados aseguran no auto que o relevante é “examinar os informes técnicos que amparan as limitacións propostas sobre a base da evolución negativa da situación epidemiolóxica e sanitaria na comunidade autónoma de Galicia, detectada no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 4 de agosto, o cal revela un preocupante incremento na transmisión da infección”.
Os estudos que constan nese informe revelan que entre o 20 e o 26 de xullo se realizaron 82.981 probas diagnósticas de infección activa por COVID-19 (52.501 PCR e 30.480 tests de antíxenos), cunha porcentaxe de positividade a sete días do 12,51 %, o que implica un aumento do 16 % con respecto ás realizadas entre o 13 e 19 de xullo, que era do 7,59 %. Por outra banda, reflicten que a incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 294 e 628 casos por 100.000 habitantes, respectivamente, valores inferiores (-12 %) a 7 días e superiores (+4,3 %) a 14 días con respecto aos observados hai unha semana, cando eran de 334 e 602 casos por 100.000 habitantes, respectivamente. Ademais, mostra que todas as áreas presentan taxas a 14 días con valores superiores aos 450 casos por 100.000 habitantes.
Por outra banda, a taxa de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos é de 8,7 ingresados por 100.000 habitantes, cun aumento do 43,8 % con respecto a hai unha semana.
“A exposición de motivos da orde que se somete a autorización pon de manifesto a evolución negativa da situación epidemiolóxica e sanitaria na comunidade autónoma de Galicia, o que se ampara nuns informes técnicos, de modo que ben se comprende que se está en presenza dunhas medidas que teñen como propósito defender a saúde pública malograda pola pandemia causada polo Covid-19”, subliña o TSXG no auto, contra o cal cabe presentar recurso.