Confirman a prisión para un dos detidos polo crime de Samuel e o internamento dos menores
Os maxistrados consideran que hai indicios da participación dos tres recorrentes nos feitos
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña rexeitou o recurso de apelación interposto por un dos investigados polo crime de Samuel Luiz contra o auto da xuíza instrutora que ratificou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. Na resolución, contra a que non cabe presentar recurso, os maxistrados salientan que, con base nas dilixencias testificais e documentais practicadas ata o momento, a medida imposta “se atopa xustificada e aparece suficientemente motivada”.
O tribunal entende que existen “indicios racionais da comisión por parte do recorrente (K.A.S.C.) dun delito de homicidio”, así como “da súa participación na brutal e prolongada agresión física perpetrada sobre a vítima, á que varias persoas propinaron continuos golpes e patadas ata causar a súa morte por traumatismo cranio encefálico”.
Ademais de por a gravidade do delito e a pena que supón, os xuíces subliñan que a prisión provisional está xustificada pola existencia dun “risco evidente” de que o apelante “puidese tratar de obstruír a investigación e de alterar ou influír sobre as fontes de proba, especialmente no que se refire ás testemuñas”, xa que o procedemento se atopa en fase inicial, “pendente da práctica de dilixencias esenciais para o debido esclarecemento dos feitos e da participación do investigado nos mesmos”.
Os maxistrados consideran “prematura e infundada unha revisión da medida privativa de liberdade provisionalmente adoptada”, polo que rexeitaron o recurso. No auto tamén sinalan que o arraigamento residencial e familiar alegados polo investigado son insuficientes para substituír a prisión provisional por outra medida menos restritiva da súa liberdade persoal.
Menores
A Audiencia Provincial tamén rexeitou os recursos de apelación interpostos polos dous menores investigados na causa contra o auto que mantén, para ambos, a medida de internamento en réxime pechado. O tribunal asegura que existen “fundados indicios”, que se desprenden das declaracións testificais e da documentación gráfica, da participación dos dous menores na comisión dos feitos delituosos. Así, destaca que ambos foron identificados por testemuñas como unhas das persoas que se atopaban agredindo á vítima “inmediatamente antes de que se caese”.
Respecto a un dos menores, os maxistrados indican no auto que xa fora sentenciado con anterioridade ao cumprimento dunha medida de liberdade vixiada. “E é precisamente durante o período de cumprimento desa medida cando presuntamente se infrinxe de novo a lei penal dun modo tan contundente e con consecuencias tan lutuosas, evidenciándose así unha clara progresión delituosa que esixe unha resposta sancionadora-educativa inmediata”, destacan.
Ademais de por a gravidade do delito polo que están a ser investigados, a Audiencia, do mesmo xeito que o Xulgado de Menores, considera xustificada a adopción da medida pola necesidade de evitar a reiteración delituosa, o risco de fuga e a posibilidade de ambos os recorrentes de obstruír a acción da xustiza, dado que as actuacións policiais non finalizaron.
Estes son o únicos tres recursos ás medidas privativas de liberdade que, polo momento, chegaron á Audiencia Provincial da Coruña.