miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Aberta a convocatoria para participar na II Delas Jam

Aberta a convocatoria para participar na II Delas Jam
Aberta a convocatoria para participar na II Delas Jam

O prazo para enviar as candidaturas para o encontro de improvisación pictórico con spray, dirixido a artistas urbanas e escritoras de graffiti, finaliza o 19 de agosto

7H Cooperativa Cultural convoca, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, 7 prazas para participar na segunda edición da Delas Jam, un encontro de improvisación pictórica feminista que terá lugar o próximo 4 de setembro en Santiago de Compostela.

As interesadas en involucrarse no evento, parte da programación da iniciativa “Mulleres e Cultura Urbana”, que se desenvolverá ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021 coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura, teñen até o 19 de agosto para presentar a súa candidatura. Cada artista seleccionada percibirá 300 euros por participar, ademais de todo o material preciso para realizar unha peza artística sobre unha soporte de papel de celofán cunha superficie aproximada de catro metros de longo por un metro de alto. 

A actividade, que se celebrará entre as 17:00 e as 20:00h no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, mantén o seu espírito fundacional, baseado na vontade de facilitar espazos seguros e libres de violencias machistas nos que se favoreza nun espazo lúdico a creación, o diálogo e o intercambio de experiencias sen competencia entre artistas. 

Proceso de solicitude 

Para postular á convocatoria, dirixida a escritoras de graffiti e mulleres artistas de 18 anos en diante, é preciso enviar a candidatura ao enderezo electrónico 7hcoop@7hcoop.gal antes do xoves 19 de agosto. A solicitude debe incluír un dossier artístico, no que consten un mínimo de 5 pezas individuais realizadas con anterioridade á convocatoria, un pequeno texto, de 850 caracteres coma máximo, na que se describan as motivacións para involucrarse no evento, e a listaxe de materiais coa gama cromática seleccionada. 

Resolución 

Un xurado integrado por Clara Rodríguez Cordeiro, presidenta de 7H Cooperativa Cultural; María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, e Anna Dimitrova, directora da Montana Gallery, elixirá ás 7 participantes en base á calidade artística e traxectoria das aspirantes así como á coherencia do seu traballo coa liña feminista da actividade. A resolución comunicarase persoalmente ás aspirantes seleccionadas e a listaxe completa será difundida publicamente o martes 24 de agosto de 2021.

Comentarios
Lo más