Rois estrea páxina web cunha forte aposta pola realización de trámites en liña e o contido audiovisual
A veciñanza xa pode matricularse en moitas das actividades a través de sinxelos formularios dende a web
O Concello de Rois estrea nestes días páxina web institucional co principal obxectivo de potenciar os trámites en liña e facilitarlle á veciñanza a realización de xestións sen necesidade de desprazarse. Ademais de información práctica sobre o funcionamento do Concello e os servizos que ofrece, a promoción turística do municipio ten tamén un peso importante no novo portal, no que destacan os contidos audiovisuais.
Os formularios de trámites en liña son unha das principais novidades da nova web www.rois.gal. A intención do equipo de goberno que dirixe Ramón Tojo é facilitarlle á veciñanza a relación coa administración local sen ter que desprazarse, co conseguinte aforro de tempo. Nesta liña, as familias que desexen participar o vindeiro curso no programa Concilia Rois que botou a andar o venres xa poden inscribir aos seus fillos e fillas dende a nova web. O mesmo pode facerse coa inscrición ás actividades culturais e deportivas dirixidas aos escolares do municipio.
No que atinxe á promoción turística do municipio, o portal institucional en internet conta coa sección Coñece Rois, dende a que se poñen en valor, con moito contido audiovisual, o rico e variado patrimonio cultural e natural do concello, así como as súas tradicións.
Dende o apartado de patrimonio cultural, Rois ofrécelles aos visitantes a posibilidade de viaxar no tempo a través de lendas, costumes e construcións de antano, que abarcan dende castros ata aldeas tradicionais, ademais de maxestuosos pazos, que permiten facer un percorrido pola historia de Galicia.
Os recursos naturais teñen unha gran presenza no municipio. Dende o apartado de patrimonio natural convídase ao visitante a coñecelos e sentilos. Terras que cómpre percorrer devagar, deixándose levar polo ritmo paseniño que marcan os regatos, as fontes, os camiños, as xentes... nun paraíso plenamente natural.
Imaxes aéreas, o nome das aldeas e a localización no mapa municipal de cada unha das parroquias, todas as festas e tradicións do concello, con especial dedicación ás festas do Santo Isidro, son outros dos apartados que se destacan para dar a coñecer Rois.
Tamén se inclúen referencias aos Camiños de Santiago, explícitamente ao Portugués e ao novo Camiño de Santiago pola Ría de Muros-Noia. Os apartado onde durmir, onde comer e como chegar completan a promoción turística de Rois dende a nova páxina web, que conta así mesmo cunha sección multimedia e de publicacións, na que se recompilan as últimas publicacións editadas polo Concello,
O Concello de Rois confiou na empresa compostelá Alicentis para desenvolver a nova web, na que se poden atopar todos os servizos e instalacións municipais xeolocalizados nun mapa, ademais dunha área de actualidade, na que se inclúen todas as novas relacionadas coa actividade municipal.