O Pino decide suspender o Festival Folk deste sábado polo incremento de casos de covid-19
Opta por extremar as precaucións e adía os espectáculos ata que mellore a situación epidemiolóxica
O Concello de O Pino decidiu suspender o festival folk programado para o vindeiro sábado, 31 de xullo, en Arca por causa do incremento da incidencia da covid-19 no municipio nestas últimas semanas.
Os últimos datos de incidencia do coronavirus na área sanitaria de Santiago e Barbanza son, en xeral, preocupantes. No caso concreto do Pino, o municipio rexistra nestes momentos un total de 40 persoas positivas, cunha incidencia acumulada a sete días que supera os 600 casos e acada os 817 a 14 días, o que podería derivar nun aumento das restricións.
O alcalde, Manuel Taboada, volve pedir prudencia e responsabilidade a toda a veciñanza, incide na necesidade do uso da máscara e de gardar as distancias interpersoais e subliña que o incremento dos casos de coronavirus non garda relación co brote detectado a pasada fin de semana nun grupo de peregrinos que se aloxou en dous albergues do municipio.
O Festival Folk O Pino 2021 substituía esta fin de semana a tradicional celebración da Festa do Galo Piñeiro polas actuacións de Manoele de Felisa e o Bruxo Queiman no campo da festa de Arca. Malia que o evento ía contar con cadeiras individuais e separadas e respectar todos os protocolos sanitarios, o Concello prefire optar por extremar a precaución e toma a decisión de pospoñelo para máis adiante, cando mellore a situación epidemiolóxica.