O alcalde Sánchez Bugallo destaca que Santiago será, o día 25 de xullo, a capital política de España
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou en rolda de prensa que Compostela será, o próximo día 25 de xullo, a “capital política” de España, grazas á ofrenda ao Apóstolo e á reunión do Real Padroado da cidade de Santiago de Compostela
O rexedor recordou que estarán presentes o xefe de Estado, Felipe VI, e o resto da Familia Real, incluída a Raiña Leticia e a Princesa de Asturias; o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez; a vicepresidenta Económica, Nadia Calviño e varios dos seus ministros. O centro político de España, subliñou “estará en Santiago e estará en Galicia. Será a referencia para todo o país, e iso paréceme moi importante”
Probablemente continuou, “non haxe ningunha outra cidade de España capaz de concitar un nivel de apoios deste calibre”. Iso é, continuou, “o resultado da historia e do papel histórico que Santiago e os Camiños de Santiago xogaron na conformación do noso país, ao longo de máis de mil anos”. Posiblemente, engadiu, “non haxa ningún outro sitio onde se produza esta confluencia tan poderosa. Todos os composteláns e compostelás debemos ser conscientes de que é un enorme privilexio”.
Segundo Sánchez Bugallo, “as cousas toman causa unhas de outras”. O Ano Santo existe, continuou, “porque o día de Santiago é domingo. E o Cosorcio da cidade de Santiago existe porque hai Real Padroado; e éste existe, porque desde o século XVII, desde Felipe IV, todos os anos o Rei de España efectúa, a través de si mesmo ou dun delegado esa ofrenda e ese recoñecemento ao papel de Santiago. Todas as cousas van tomando causa unhas de outras. E ás veces, cando se quere romper por un lado, non se é consciente de que se rompe por ese lado cai o resto”, porque todo está conectado, engadiu.
Atopámonos nunhas datas, sinalou o alcalde, “extraordinariamente simbólicas”, e espera que moi “felices”, para toda a cidadanía de Compostela; coas festas, cos fogos do Apóstolo; e o día 25 “teremos o día grande, coa ofrenda ao Apóstolo e posteriormente coa celebración do Real Padroado de Santiago, “algo esperado e necesario para continuar co impulso desta cidade”, xa que levaba 18 anos sen reunirse.
É no Real Padroado, explicou, onde se vai establecer a folla de ruta, “o programa 2022-2032 que ten que servir para impulsar a cidade e debuxar o Santiago do século XXI”. Un órgano de titularidade estatal” que colabora co Concello e “coa Xunta de Galicia para que Santiago sexa a cidade que todos os galegos e todos os composteláns queremos que sexa”, indicou. Trátase, engadiu, “dun proxecto de cidade” compartido “por todos os españois”, no que o Consorcio é o órgano encargado de “executar ese programa en función das dispoñibilidades orzamentarias”.