jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

O Pazo da Peregrina convértese en escenario de danza co programa 'Propulsa'

O Pazo da Peregrina convértese en escenario de danza co programa 'Propulsa'
O Pazo da Peregrina convértese en escenario de danza co programa 'Propulsa'

Representaranse os espectáculos E-migrantas, de Kirenia Danza, Miñaxoia, de Clara Ferrão, Nexos, de Cía Exire e Canela, de Laboratorio Escénico

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en Ames, convértese este sábado, día 24, a partir das 19,00 horas en escenario coa representación de catro espectáculos integrados no programa da Xunta Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio. Así, representaranse E-migrantas, de Kirenia Danza, Miñaxoia, de Clara Ferrão, Nexos, de Cía Exire, e Canela, de Laboratorio Escénico. A iniciativa, posta en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento.

E-migrantas, de Kirenia Danza, é unha danza sobre a última diáspora galega, na que Esther Latorre e David Loira bailan a experiencia emigrante da última xeración. Co convencemento de que a emigración atravesa tamén a nosa identidade actual, o espectáculo créase co obxectivo de coñecer o que sucede coa emigración galega do século XXI e contar a última diáspora bailando.

Kirenia Martínez Acosta asume a dirección e a coreografía da peza, coa asistencia coreográfica e o texto de Branca Novoneyra. Pola súa banda, Babykatze e Bruno Baw son os autores da música. O vestiario corre a cargo de Jandro Villa, mentres que o deseño gráfico e de luces, de Niko Alvarellos e de Diego Vilar Ortigueira, respectivamente. Lía Pérez Domínguez é responsable das traducións. A produción é de Uxío Novoneyra e o servizo técnico de Equipo Creativo RTA. 

Pola súa banda, o espectáculo Miñaxoia, de Clara Ferrão, no que só está o corpo, o cansazo e o movemento inesgotable, está dirixido por Maximiliano Sanford e con música de Jambinai e Roger Joula.


Nexos, de Cía Exire, é creado e interpretado por Alba Fernández e Estefanía Gómez, co asesoramento coreográfico de Chey Jurado. Desvélanos a complicidade que existe entre dúas persoas, as súas memorias compartidas e a busca incesante desa lembranza que as sostén no tempo. Milos Cotelo e Cía Exire deseñaron o vestiario e Artestudio Xestión Cultural asumiu a produción e distribución da peza. 

Completa o programa Canela, de Laboratorio Escénico. Trátase dun espectáculo de danza urbana e experimental para rúa e espazos non convencionais, cun proceso de creación onde se poñen en valor as habilidades físicas, tratándose as propiedades da canela dende o corpo. Interpretan a peza Jaimi Neves, Samuel Galán, Noelia López, Sara Tréllez, Diana Montserrat, Irene Varela, Myriam González e Lucía Vázquez. Asume a dirección Alba Fernández. Sabela Domínguez e Carmen Cotelo son as responsables do asesoramento coreográfico e á interpretación, respectivamente, e Jas Processor da mestura e produción musical.

Espectáculos en 27 espazos singulares

Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio arrincou o pasado 2 de xullo en Ribadeo e rematará o 29 de agosto en Ponteareas, tras percorrer 27 espazos singulares de toda Galicia. Participan 30 formacións artísticas, das que 23 son galegas e sete proceden doutros puntos de España, de Francia e de Portugal.

O obxectivo é achegarlle ao público unha nova maneira de ver a danza, mediante a mestura desta arte escénica co patrimonio e a paisaxe de diferentes espazos singulares do territorio galego, como praias, cabos, fragas, fervenzas, miradoiros, catedrais, museos, hórreos ou castros.

Deste xeito, Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio permite levar a danza a concellos onde esta disciplina artística non soe formar parte das súas programacións culturais, ao tempo que sirve de promoción turística de lugares singulares. Ademais, búscase fomentar a creación contemporánea de danza e atraer novos públicos, xunto coa creación de sinerxías coas administracións locais e os tecidos asociativos de cada zona.

A iniciativa insírese na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia para o desenvolvemento de diferentes propostas culturais no marco do Xacobeo 21-22.

Comentarios
Lo más