O arquitecto Eduardo Cruz fala en Santiago do espazo público a través de obras como a reurbanización de Carretas, Montero Ríos e Concheiros
Organizada pola Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, a conferencia, enmarcada no ciclo Próximos, celebrarase ás 19:30 horas no salón de actos do Museo do Pobo Galego
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia celebra este mércores, 14 de xullo, unha nova conferencia no marco do ciclo “Próximos”, unha actividade que o Colexio compostelán organizou a comezos de 2020 pero que se viu interrompida polo estalido da pandemia. O ciclo ter por obxecto dar voz a estudios de arquitectos de mirada e ámbito galegos.
Nesta ocasión a quenda será para o arquitecto Eduardo Cruz Aguiar que impartirá o relatorio no salón de actos do Museo do Pobo Galego, situado na costa de San Domingos (á beira do CGAC) en Santiago de Compostela, a partir 19:30 horas. Baixo o título “Espazo Público”, o arquitecto ofrecerá unha charla na que ilustrará, a través de diversas obras realizadas, unha reflexión sobre o espazo público.
Segundo explica Eduardo Cruz, o espazo público conforma o ámbito de realización social da colectividade, reflexo da sociedade á que serve, non tanto na súa formalización senón no modo no que se xestiona. “O espazo público constitúe un soporte da vida cotiá, e como tal a súa formalización e os seus códigos deben de ser claros e facilmente asimilables pola cidadanía. A configuración do espazo público debe de conxugar, de maneira indisociable, materias da enxeñería de tráficos con outras propias do deseño espacial urbano” –apunta–.
Compostela, modelo a seguir na xestión do espazo pero con “ampla marxe de mellora”
No caso concreto de Compostela, Eduardo Cruz sinala que a cidade constitúe, en moitos aspectos, un modelo a seguir na materia. Considera que os traballos de patrimonialización dos pavimentos históricos e maila xestión do seu mantemento levada a cabo polo Consorcio de Santiago son “encomiables”. Tamén destaca a basta rede de zonas verdes enxertas na trama da cidade, aínda que precisa que a marxe de mellora é ampla. “A Administración debe ser previsora, estar preparada para aproveitar toda oportunidade que chegue. Debe estudar con tempo as problemáticas e favorecer a continua reflexión de técnicos e dos cidadáns” –manifesta Eduardo Cruz–.
Poñendo a vista no porvir, Eduardo Cruz salienta que a clave está en bascular a ordenación do espazo segundo preceptos rexidos polo comportamento do individuo, da cidadanía, desprazando a actual supremacía do vehículo a motor. “Non concibo como empregamos na cidade un sistema idéntico de códigos aos que regulan a circulación das autoestradas. Algo falla e requirimos dunha reflexión de raíz” –argumenta–.
Eduardo Cruz é arquitecto titulado na Escola de Arquitectura de Coruña. Despois dunha longa colaboración co Premio Nacional de Arquitectura Española, Manuel Gallego Jorreto, Cruz traballa como profesional liberal con formación específica en materia de urbanismo, realizando traballos de obra pública, de maneira prioritaria intervencións sobre o espazo público, xunto con Andrés Cruz Aguiar, o seu irmán tamén arquitecto.
Debido ás limitacións de aforo pola situación sanitaria habilitarase unha lista de espera para as inscricións que queden fora da listaxe inicial.