O persoal de TUSSA convoca folga os días 24 e 25 de xullo
A asemblea de traballadores e traballadoras acordou por unanimidade a convocatoria de dúas xornadas de folga
No marco dunha nova concentración dos traballadores e traballadoras de Tussa, o Comité de Empresa anunciou a convocatoria de folga os días 24 e 25 de xullo para forzar á empresa municipal de mobilidade de Santiago a rematar a negociación dun convenio colectivo que unifique por fin as condicións de traballo.
A concentración realizouse diante da pasarela da nova Intermodal, realizando un percorrido polas instalacións e onde se demandou igualar as condicións de traballo do cadro de persoal, ao que se lle veñen aplicando tres convenios colectivos diferentes (o convenio galego de Aparcadoiros, o provincial de Oficinas e Despachos e o antigo convenio da empresa Setex Aparki) coa disparidade de condicións de traballo que iso supón.
A negociación do convenio está agora bloqueada a pesar que hai xa máis de tres anos que existía un compromiso municipal para asinar o primeiro convenio colectivo de Tussa. Desde o comité denuncian a escasa vontade para rematar unha negociación que estaba practicamente pechada hai máis dun ano, e onde as diferencias eran mínimas. Sen embargo nas últimas reunións da mesa negociadora constataron o bloqueo, o que provocou a convocatoria de asembleas e o inicio das mobilizacións.
Calendario de mobilizacións
O comité de empresa anunciou as mobilizacións que se sucederán durante o que resta de mes de xullo. Desta maneira o próximo luns 19 concentraranse novamente na entrada da Intermodal, antes das xornadas de folga dos días 24 e 25 de xullo nas que ademais se convocarán diferentes accións de protesta. A folga afectará a todos os servizos de Tussa nos aparcadoiros de Xoan XXIII, Belvís e Salgueiriños, o servizo de guindastre, ORA e depósito, así como á estación de autobuses.
O día 29 realizarase unha marcha desde a Intermodal ao Concello de Santiago pola celebración do pleno municipal. Neste sentido, a pasada semana solicitáronse reunións cos grupos municipais para explicar a situación e denunciar o bloqueo das negociacións.
O pasado venres o comité foi recibido por Compostela Aberta e hoxe polo BNG e ambas formacións amosaron xa o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores, e esta mesma tarde reuniranse co Partido Popular. O PSOE, a quen tamén se lle solicitou unha reunión, de momento non contestou.