Denuncian colapso en radioloxía do Concepción Arenal
A Asociaciónn de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia unha situación que, según eles indican, vense repetindo e xa puxeron en coñecemento da profesional do servizo e do coordinador do centro alá por 2015
En concreto, dende a Asociación comentan unha situación vivida o pasado día 7 de xullo pola tarde. . O soto onde se realizan as probas estaba ateigado de pacientes nunha sala que, polas súas deficiencias estruturais, non cumpre os criterios de seguridade e prevención fronte á COVID-19. O aforo máximo da sala de espera é de 8 persoas e eran 15 as que alí se concentraban. O tempo de espera para realizar unha simple radiografía excedeu das 2 horas e 30 minutos.
Continúan o relato aseverando que nesta quenda de tarde o servizo está atendido por unha técnica, que era o seu primeiro día de traballo e que, ademais de ter que realizar a proba, ten que xestionar a chamada, recepción e saída dos pacientes. Despois de 30 minutos de espera sen haber ningún/ningunha profesional sanitario/a á que entregarlle o volante/petición da proba, é a técnica de radioloxía a que finalmente os recolle. Ás 18:30 horas, 13 persoas seguen á espera de ser atendidas, de entre as cales 3 tiñan cita tres horas antes, nunhas condicións de protección fronte ao contaxio por COVID19 inadmisibles para un centro sanitario.
"Debemos facer tamén unha mención especial a circunstancia de que no corredor do servizo de radioloxía, encóntrase tamén unha sala de extracción de mostras serolóxicas para detección de COVID19, que carece de todo tipo de protección específica (portas das consultas abertas, sen separación entre salas de espera, sen ventilación nas consultas, etc.)", apuntan.
Dende a Asociación califican de "intolerable" que o centro de saúde que atende case o 54 por 100 das consultas realizadas por todos os centros de Compostela (458.044 consultas/ano), non conte cun cadro de persoal sanitario e auxiliar adecuado á demanda programada e que os responsables sanitarios, sendo coñecedores desta situación, non só permitan demoras que exceden o considerado como aceptable, senón que ademais poñan en risco a saúde das persoas non garantindo as medidas de protección e seguridade fronte a pandemia nun entorno onde os posibles contaxios son altamente probables.